EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Pepa Porter, Vía Arxéntea e Quinta das Tapias, viños de Monterrei premiados na Cata de Galicia

Nesta edición o acto de entrega dos "Acios" estase a facer en cada denominación de orixe. O 19 de novembro desvelaranse o mellor branco e mellor tinto de Galicia nun acto na Cidade da Cultura

 

Comezan os actos de entrega de premios dos viños galardoados nas Catas de Galicia. Unha entrega que se está a facer en cada unha das denominacións de orixe da comunidade. Así esta mañá tiña lugar a primeira no Consello Regulador da D.O. Monterrei, nun acto que contaba coa asistencia dos premiados e da presidenta desta denominación, Lara Da Silva.

Os viños distinguidos eran os seguintes:

 

Nesta edición das Catas de Galicia participaban un total de 348 mostras, 125 de tintos e 223 brancos, pertencentes a 143 adegas. No tocante á D.O. Monterrei, participaron 42 mostras procedentes de 17 adegas.

“Queremos felicitar ás tres adegas premiadas nas Catas de Viños de Galicia, así como tamén a todos aqueles que participaron e que fan posible esta nova edición”, destaca a presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva. “É importante recoñecer tamén o traballo realizado pola Consellería do Medio Rural que, a pesar de ser un ano difícil, traballou duro para realizar de novo este evento. Sobre todo tendo en conta que é un ano no que está edición significa moito máis que as anteriores, debido a que recoñece e apoia o esforzo tan grande que realizan todos os que seguen crendo no sector primario, e, en especial, no sector vitivinícola”, conclúe a presidenta

Entregas no resto de denominacións

Por outra banda, esta mesma tarde daranse a coñecer os galardoados da denominación de orixe Ribeiro. Mañá, venres 13, será a quenda das DOs Valdeorras e Ribeira Sacra, mentres que o luns farase a entrega de acios á última denominación de orixe vitivinícola, a das Rías Baixas.

Finalmente, o xoves 19 de novembro desvelarase na Cidade da Cultura de Santiago a identidade do mellor viño branco e do mellor viño tinto da nosa comunidade neste ano 2020, ao tempo que se entregarán os “Potes” desta edición ás mellores augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button