AutomobilismoDeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Pepe López, campión do 53 Rallye de Ourense

Javier Pardo foi o mellor ourensán da proba quedando en sexta posición

 

Os tramos da tarde do 53 Rallye de Ourense, ubicados en Amoeiro e O Carballiño estiveron marcadas polos cambios nos postos altos da táboa de clasificación, con vitoria para o piloto de Citroën, Pepe López despois de que “Cohete” Suárez dominara practicamente todos os tramos. O mellor ourensán da proba foi Javier Pardo co seu Suzuki Swift R4LLY S, que acabou en sexta posición.

 

Pepe López.

 

O TC5 de Amoeiro, primeiro tramo desta tarde de 25 de xullo, comezaba ás 16:04 con clara superioridade do líder dos tramos anteriores José Antonio “Cohete” Suárez, o cal completou os 15,08 quilómetros en 9:29.1 minutos. Pepe López conservou a segunda posición cun tempo de 9:30.3, aínda que advertía problemas coas rodas. Pola súa banda, Iván Ares seguiu en terceira posición a 12.8 segundos de diferenza, e o ourensán Javier Pardo perdía posicións, quedando de oitavo.

O TC7 foi onde máis cambios se produciron, xa que Pepe López arrebatoulle o primeiro posto a “Cohete” Suárez, tanto no tramo como na clasificación xeral, cunha diferenza de 9.1 segundos. Pardo, pola súa banda, mantívose na sexta posición por detrás de Caamaño e a 38.7 segundos de diferenza co primeiro.

 

“Cohete” Suárez.

 

Finalmente, o TC8 do Carballiño confirmaba a vitoria do campión de España do pasado ano, Pepe López, co seu Citroën C3 R5. Ademais, “Cohete” Suárez, debido a un pinchazo, perdía o segundo posto que quedaba en terras galegas para Iván Ares, e tamén o terceiro, arrebatado por Monarri.

José Antonio “Cohete” Suárez xa non quixo confiarse ao remate dos tramos da mañá, xa que admitía que “estou contento cos dous bucles da mañá, o primeiro bastante ben, pero agora quedan dous tramos a dúas pasadas por diante, moitos quilómetros que facer, e moito que correr”.

 

O ourensán Javier Pardo.

 

Pola súa banda, Iván Ares explicaba que “as sensacións son boas, estamos terceiros, un pouco en terra de ninguén. O ritmo de cabeza non o estamos podendo seguir, non son unhas diferenzas grandes, pero sempre estamos detrás dos dous primeiros. A ver se pola tarde podemos estar un pouco máis preto e sacar conclusións de cara aos seguintes rallyes”.

A clasificación xeral do 53 Rallye de Ourense queda deste xeito:

1 Pepe López: 1:14:15.7
2 Iván Ares: 1:15:15.3
3 Alberto Monarri: 1:16:45.8
4 José Antonio “Cohete” Suárez: 1.16:45.8
5 Iago Caamaño: 1:16:53.1
6 Javier Pardo: 1:17:5.6

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button