CulturaCulturaÚltima hora

Percorrendo as diferentes paisaxes poéticas a través da voz de Lucía Álvarez

Esta actriz, natural de Mouruás (San Xoán de Río), publica semanalmente poemas recitados no seu canal de youtube

A actriz Lucía Álvarez./ Foto: Cuco Cuervo.

 

Dende versos clásicos de Quevedo ou Lope de Vega, pasando polos de autoras do século XIX como Emily Dickinson, e ata os de poetas contemporáneos como Ángel González ou Dulce Chacón. Con poesía comeza a semana dende hai dous anos a actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río). No Nadal de 2018 creaba un canal da youtube (https://www.youtube.com/channel/UCd0N3-NIrPmT4_EP1VPO7Iw/videos) no que recita poemas e, cada luns, fai unha nova publicación.

“Cada luns ás 9h. hai un poema, é unha forma de empezar con outro chip á semana. Agora nestes días confinamento ao mellor hai semanas que colgo tres”, comenta Lucía Álvarez, que puxo en marcha esta iniciativa co fin de achegar á poesía á sociedade en xeral.

“Sempre lin moita poesía e sempre me gustou moito, e estaba un pouco cansa de escoitar isto de que a poesía é para listos”, conta, “hai moita xente que non le poesía e se afasta dela porque cre que non a vai entender ou porque pensa que hai que ler un libro enteiro, entón dalle preguiza coller un poemario. Ante iso, o que fixen foi empezar a gravar pequenos poemas. Primeiro foron moi curtos, ao mellor de 20 ou de 30 segundos, e incluía unha pequena explicación, unha recomendación para animar a escoitalos”.

Co paso do tempo, os poemas foronse facendo un pouco máis longos. “Comecei a notar que a xente esquecíase de que era poesía e empezou a funcionar. De feito, nunha ocasión cheguei a atopalos na páxina web dun colexio, que os publicaba para que os pequenos empezaran a iniciarse na poesía e iso fíxome moita ilusión. Realmente funciona ese foi o motivo de crear o canal”, sinala.

A súa proposta é moi variada. “Busco que sexa diversa, que un día esteas en Garcilaso de la Vega e outro en Ben Clark, que se poida pasar dun autor a outro, demostrar que a poesía é universal. Intento que sexa moi ecléctico, que os ritmos e a linguaxe sexan diferentes cada semana”, explica.

E coincidindo con determinadas efeméredes literarias, como, por exemplo, as Letras Galegas, “pois nese caso”, matiza, “propiciarei que sexa un poema de Carballo [Carvalho] Calero, e o mesmo se coincide co aniversario dun poeta”.

Está contenta coa acollida e resposta que está tendo este singular proxecto poético e destaca que medrou neste tempo de confinamento. “Noto que dende que estamos nesta situación a xente é moito máis receptiva, escóitao máis tranquilamente e agradéceo moito máis. Está resultando moi enriquecedor nese sentido, e, sobre todo, nos primeiros días  eu buscaba poemas moi relacionadas co que estabamos sentindo, polo menos co que eu sentía, e era a resposta de moitas persoas era gracias, non sabía como expresalo“.

Para seguir este canal o máis cómodo é subscribirse. “Tan só hai que facer click en “suscribirse” e directamente vanlles chegar os poemas, é gratis”, conclúe Lucía Álvarez.

Artigos relacionados

Back to top button