ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Percorrendo as esencias da obra do pintor valdeorrés Jesús Díaz Ferrer, no Barco

Inaugúrase a exposición "Esencial" promovida polo Concello e comisariada por Luís Enrique Rodríguez, no marco do centenario deste creador

 

Entre outras moitas cualidades, o pintor Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922-Concud, Teruel, 2017) era un gran colorista. E esa intensa e chamativa faceta da súa plástica, pode chegar a eclipsar outras moitas da súa arte. De aí o interesante enfoque e plantexamento da exposición “Esencial”, comisariada por Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo” no marco do centenario do pintor, que esta tarde se inauguraba na sala Abanca (praza do Príncipe) do Barco.

“Vendo a produción e o que se podía amosar de Jesús, quixen ir á súa como esencia, amosar o que había detrás dese pintor en bocetos, nos seus gravados e debuxos nos cales non hai color, son en branco e negro, e iso axúdanos a ver o gran pintor compositivo que era, entre outra cuestións”, explicaba Coquixo na inauguración da mostra, xunto á viúva do artista, Micheline Langlois, e á concelleira de Cultura do Barco, Maragarida Pizcueta.

 

 

E fronte a crueza ou nudez do branco e negro de 48 cadros (debuxos, gravados e bosquexos sobre papel) a explosión colorista de 48 deseños realizados cando traballou como mestre colorista na factoría de tecidos Guggenheim & Sons de Zürich en 1958. Neles desenvolveu ideas e efectos baseados na cor. “A liberación do soporte plano do lenzo deulle a oportunidade de pescudar no mundo do cromatismo como nunca antes o fixera. Desenvolveu ideas previas e mergullouse noutras novas, supoñendo nese senso unha etapa crucial para a súa arte posterior”, asegura Luís Enrique Rodríguez.

 

 

“Esencial” non está estrutura nin por épocas, nin estilos, nin polos movementos artísticos aos que estivo adscrito Díaz Ferrer durante a súa dilatada carreira de case 80 anos; senón polo que Coquixo considera as súas “esencias”, é dicir, polos “elementos que podían unir a súa obra, o que había detrás da súa pulsión creativa, de por que creaba Jesús e como o facía, para poder entendelo un pouco máis a través desas esencias”, matizaba Coquixo. Son, en total, oito esencias: inspiración, lembranzas, sociedade, interior, paisaxe, formas, mirada e imaxinación.

 

 

Ao mesmo tempo, Coquixo buscaba deixar patente que “nos atopamos ante un artista que, por ter transitado durante a súa longa carreira dende as derradeiras vangardas europeas ata a posmodernidade, resulta “Esencial” para comprender os nexos entre a arte galega e a arte europea dende mediados do século XX ata os inicios do século XXI”.

No acto tamén interviña a viúva do pintor, que se amosaba emocionada deste reencontro da obra de Díaz Ferrer coa súa terra e salientaba que a súa obra, ao longo de tantos anos de creación, sempre estivo conectada “coa cultura e co home”.

 

 

Así mesmo, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, agradecía o “enorme esforzo que fixo Micheline para estar hoxe aquí na inauguración desta exposición que é moi especial para ti e tamén para nós porque con ela conmemoramos os cen anos do nacemento de Jesús”. E resaltaba que para O Barco “é moi importante poñer en valor a súa figura e a súa obra porque o consideramos un artista tan importante como descoñecido”.

Margarida Pizcueta lembra ademais que esta é a segunda mostra sobre Díaz Ferrer que se organiza na sala de exposicións da Abanca, tras a promovida polo Concello (tamén comisariada por Coquixo) no 2018, que daquela conmemoraba o Maio do 68, que logo rotaba por toda Galicia. A concelleira de Cultura tamén adiantaba que a intención é que esta nova exposición tamén se mova pola comunidade, e confirmaba xa que vai estar no Centro Cultural Marcos Válcarcel de Ourense, agradecendo o apoio da tamén pintora barquense Lola Doporto, “que nos abriu as portas dese centro”.

 

 

Ademais, a edil de Cultura barquense pedíalle a Luís Enrique Rodríguez que compartise co público como descubríu a figura de Díaz Ferrer, sendo estudante de arte a mediados dos anos 80 en Santiago, e como a partir de aí a súa paixón como artista e barquense levouno a indagar neste gran artista tan descoñecido como soprendente ata descubrir que estaba aínda vivo, contactar con el e chegar a reunirse en varias ocasións para recabar datos sobre a súa obra e sú vida. Parte dese intenso, incansable e apaixoante labor compárteo Coquixo co público nesta exposición.

 

 

“A historia emocional que hai detrás disto é o que a min me fixo continuar, e agora estou metido no estudo da súa obra e da súa biografía, algo que nunca pensei. Fágoo para compartilo con todos vós e para que vós me axudedes a compartilo fóra de aquí e para que saibamos que Díaz Ferrer non só é un paisano que pintaba, senón que estamos ante un gran artista”, resaltaba Coquixo.

 

 

Coquixo concluía asegurando que este proxecto “é de moita xente, vervos hoxe aquí a todos éncheme de orgullo e de pobo, de ter a iniciativa que poida gustarvos a todos”. Despois tiña lugar un percorrido guiado pola mostra, da man do comisario, e os asistente recibían como agasallo un catálogo de coidada edición que recolle os contidos desta mostra conmemorativa do centenario deste pintor.

A mostra poderá visitarse ata o 12 de xuño, de luns a venres, en horario de 19h. a 21h. e os sábados de 12 a 14h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button