OurenseÚltima hora

Pereiro de Aguiar completa unha rede de máis de 50 km de sendeiros

Permitirá conectar os principais recursos turísticos dentro deste municipio, tanto dende un punto de vista natural como etnográfico, histórico e cultural

Publicidade

 

Pereiro de Aguiar como porta de acceso natural dende a capital da provincia de Ourense á Ribeira Sacra. É un dos obxectivos prioritarios nos que traballa o equipo de goberno deste municipio. Búscase poñer en valor a súa importante riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do  para o seu uso, non só por parte da veciñanza local senón que para dotar de servizos á área metropolitana de Ourense, que supón máis do 5% da poboación galega. Estes, xunto co cada vez máis elevado número de visitantes fai que o gasto en equipamentos turísticos mude de vez nun investimento que xera un importante retorno socioeconómico ao municipio.

Esta convicción ten permitido nos dous últimos anos, aínda en tempo de pandemia, reformar e actualizar os carteis en estradas para informar do mellor acceso en vehículo motorizado aos puntos de interese dentro do municipio. Foi posible igualmente instalar segundo o Manual de Sinalización Turística da Xunta de Galicia (sinalización estática de Patrimonio Monumental) paneis informativos nas principais igrexas do municipio, segundo informa o Concello.

A esta mesma estratexia responde a construción dun gran Parque Acuático no termo municipal, infraestrutura que atraerá a numerosos visitantes de diferentes lugares en época estival. Ao que responde igualmente a consolidación da Festa Etnográfica coa que se pretende protexer a tradición e xerar ao tempo un evento cultural que introducir na axenda festiva galega.

En paralelo a todo o anterior, a actuación executada ao abeiro do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia na anualidade 2020, ten permitido aumentar o interese turístico de Pereiro de Aguiar cunha rede de sendeiros que dan continuidade a unha estratexia de diversificación e desestacionalización da oferta. Esta infraestrutura permite gozar da riqueza monumental, cultural e paisaxística do concello en calquera época do ano e está sendo visitada por miles de usuarios nos poucos meses que transcorreron dende a súa inauguración.

 

 

 

Apostando pola creación de infraestruturas coas que recibir a eses miles de usuarios, en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, o Concello está a mellorar a contorna natural do Encoro de Cachamuíña, aspirando a converterse no “pulmón verde” da provincia cunha ampla oferta de parques, equipamentos deportivos e culturais.

Coa actuación completada agora avánzase nesta estratexia de posta en valor e conexión dos recursos turísticos de maior relevancia dentro do concello de Pereiro de Aguiar, tanto dende un punto de vista natural como etnográfico, histórico e cultural. Así, mellórase o acceso dun dos conxuntos epigráficos máis importantes de toda a Península Ibérica (Sicenata Pacata), creando unha oferta complementaria de excepcional valor ambiental ao Ben de Interese Cultural (BIC) de San Pedro de Rocas e conectando unha rede de rutas de sendeirismo de máis de 50 km que engaden valor á oferta turística da Ribeira Sacra.

Actuacións realizadas

O proxecto desenvolveuse en tres puntos diferenciados da xeografía municipal:

* RUTA DE 8,6 KM SICENATA PACATA – CASTELO DE PARADA | Obras de recuperación e posta en valor do conxunto epigráfico SICENATA PACATA | San Salvador – Vilariño (Parroquia de Santa Cristina)

No extremo máis setentrional do municipio, na ribeira mesma do Río Miño e nunha zona de magníficas condicións naturais, acometéronse unha serie de actuacións de recuperación de camiños tradicionais para mellorar a accesibilidade a un dos conxuntos epigráficos máis importantes de toda a Península Ibérica. Este foi posto en valor grazas ás escavacións arqueolóxicas realizadas, que, xunto coa restauración dos bens inmobles asociados e a singularidade dos miradoiros próximos, converten ao lugar na mellor porta de entrada á Ribeira Sacra dende o Río Miño.

* RUTA DE 5,4 KM DOS PICOS DE COVAS – TRIÓS | Obras de mellora dos accesos ao Ben de Interese Cultural – Mosteiro de San Pedro de Rocas, dende a parroquia de San Cibrao de Covas.

Na banda leste do municipio de Pereiro de Aguiar, facendo linde xa co Concello de Esgos, emerxe un dos conxuntos xeolóxicos máis singulares da comarca, formando parte indisoluble xa da paisaxe cultural do Mosteiro de San Pedro de Rocas. Pretendíase coa actuación realizada, crear unha oferta complementaria ao Ben de Interese Cultural coa creación dunha rede de miradoiros paisaxísticos que permitan observar dende a proximidade o monumento rupestre ao tempo que a creación de novas áreas de ocio e esparexemento para os seus visitantes.

* RUTA DE 5,6 KM DO RÍO GRAÑAL | Obras de conexión entre a “Ruta dos muíños do río Loña” e a “Ruta dos muíños de Esgos” | Parroquias de San Xoán de Moreiras e San Miguel de Calvelle.

A sinatura entre o Concello de Pereiro de Aguiar e Axencia de Turismo de Galicia, na anualidade 2020, do “Convenio de mellora de infraestruturas turísticas: Río do Loña” ten permitido recuperar unha zona de magníficas condicións naturais e paisaxísticas ao carón deste importante afluente do Río Miño. Aquela actuación permitiu crear unha infraestrutura que hoxe é un punto de recreo sen igual non só para turistas, senón que para toda a área metropolitana de Ourense que representa máis do 5% do total da poboación de Galicia. Esta nova actuación realizada conecta o mellorado Río Loña coa oferta de sendeiros da Ribeira Sacra. En concreto coa Ruta dos Muíños de Esgos, mediante o acondicionamento e embelecemento das marxes do Río Grañal.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button