En portadaÚltima hora

Pérez Canal: “queremos que se materialice a A-76 e a autovía a Lugo en seis anos”

O candidato a presidir a CEO presentou hoxe unha proposta que combina “integración e confianza”
A candidatura presentouse hoxe, 21 de abril, na sede da CEO. // Foto: Carlos Asensio. 

José Manuel Pérez Canal vén de presentar o 21 de abril a súa candidatura á reelección como presidente da Confederación Empresarial de Ourense. Canal cualificou a súa candidatura de “solvente, equilibrada, representativa e ambiciosa”. O candidato salientou que por diante lle quedan outros catro anos nos que pretenden facer fronte a catro retos: “loitar pola unión empresarial para reivindicar inversións, estimular o crecemento económico e mellorar as condicións de vida dos traballadores e empresarios”.

A candidatura, á que Pérez Canal definiu como resultado do equilibrio entre integración e confianza, está encabezada por el mesmo e integrada por Alejandro Cruz Iglesias, José Manuel Díaz Barreiros, Marisol Nóvoa González e Manuel Maneiro López como vicepresidentes; tesoureiro, Juan Manuel Piñeiro Rivas; contadora, Rosa María Sánchez Gándara; vogais, Eligio Nieto Lamas, Beatriz Gómez Valcárcel, Eduardo Cid Fernández, María del Carmen Rodríguez Gonzlález, Antonio Dieter Moure, Manuel Carballeda Ramos, Severino González Álvarez, Vicente Vázquez Agromayor, Benito Iglesias Padrón e Manuel González García.

En canto aos retos que veñen, tras as eleccións do 26 de abril, José Manuel Pérez Canal foi moi claro ao asegurar que a provincia “non pode seguir pola senda da perda de poboación” e reiterou que fai falta atraer inversións e para iso, dixo, “queremos que se materialice a A-76 e a autovía A-56 de Ourense a Lugo en seis anos” e engadiu que tamén farán esforzos para que as circunvalacións de Ourense e do Barco sexan unha realidade. Ao mesmo tempo, reiterou que a chegada do AVE a Ourense ten que supor o eixo de entrada desas novas inversións: “queremos derivar ese polo de atracción do Eixo Atlántico até Ourense”, e insistiu en que non van a seguir gastando máis enerxías no tema da alta velocidade xa que “os prazos son bastante curtos e hai inversión”. Por outra banda asegurou que fai falla crear máis solo empresarial, referíndose aos terreos do Val da Rabeda. Todo isto mantendo un contacto directo coas institucións, reiterou.

En conclusión, o futuro da súa candidatura estará baseado “nunha aposta polo programa para dar un paso adiante e asumir novos retos aplicados para continuar traballando sobre os cimentos da labor levada a cabo até o de agora”. Este novo equipo propón “aumentar o número de asociados, actualizar o plan estratéxico, tendo en conta as necesidades dos que formamos parte da CEO; incrementar e facilitar o acceso do tecido empresarial ourensán aos mercados internacionais fomentando a formación en comercio exterior e os contactos fóra das fronteiras”.

Creación de Comités

Dentro do plan de acción que presentan para esta candidatura, Pérez Canal, deu “propostas salientables”, como a consolidación de oito comités: Relacións Internacionais, Infraestruturas e Urbanismo, Asociacións Territoriais, Asociacións Sectoriais, Industria e Automoción, Formación, Comercio e un comité de Igualdade e Responsabilidade Social Empresarial. “Algo que é de importancia vital para a CEO e a provincia.

 

Artigos relacionados

Back to top button