ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Petín acolle unha exposición fotográfica sobre “Mulheres” do rural

A mostra, obra de Mercedes Vázquez, pode verse na Casa da Cultura ata o 10 de xaneiro

Mercedes Vázquez Saavedra (empresaria, escritora, pintora e fotógrafa natural de Sarria) leva vinte anos mergullada no mundo da máscara, levando a cabo un extenso traballo de investigación, recolleita oral e fotográfica, que lle promocionaron un extenso e minucioso arquivo da Máscara Ibérica, afondando especialmente nas rurais de Galicia e Portugal. Pero desta volta, a polofacética artista cambia a cor da imaxes do Entroido e a vistosidade desas máscaras pola sobriedade das fotografías en branco e negro para dar forma a “Mulheres” a exposición que forma parte dun traballo de investigación coas mulleres do rural como protagonistas, a través de retratos tomados en aldeas de Galicia e do norte de Portugal.

Unha interesante e impactante mostra que se inauguraba na mañá do 23 de decembro na Casa da Cultura de Petín, onde permanecerá ata o 10 de xaneiro. O acto, ao que asitía a propia fotógrafa, contou asemade coa presenza do alcalde Miguel Bautista e do director de cine Ignacio Vilar, un dos responsables de que a colección de fotografías chegara este Nadal a Valdeorras. El mesmo explicou que coñeceu o traballo de Mercedes a través do Facebook e ao ver eses rostros “apareceron diante de min as mulleres de Castrofolla de onde son eu, unha aldea de aquí ao lado, Pura, Carmela,… e tamén as mulleres de Petín e deixoume tan impactado e emocionado que tiven que contactar con ela e preguntarlle se realmente existían esas mulleres”. Tal foi o impacto que incluso foi ata a Pitões (Portugal) de onde son a maioría das mulleres retratadas e alí descubríu que se trata “dunha aldea viva onde a xente non ten que emigrar e vive ben do seu traballo, unha das cousas que debemos aprender de Portugal, e dalgún xeito estas fotos representan algo que no noso caso por desgraza está nas residencias”, lamentouse aproveitando a ocasión para reclamar que “non podemos ter residencias no monte senón no medio das vilas. Unha sociedade está avanzada na medida en que coida aos seus maiores e é unha responsabilidade dos políticos e tamén de todos nós”.

Con respecto á exposición en si, a propia autora explicou que a maioría das mulleres son de Pitões, pero tamén as hai doutras aldeas da raia galego-portuguesa como Río de Onor ou Castro Laboreiro, “mulleres que traballaron moitísimo (os homes emigraran e elas quedaban á fronte da casa e do gando) e teñen moito que contar. Algunhas axudaron a pasar xente na guerra con apenas 19 anos, non por política senón por humanidade, porque se algo aprendín estando con elas un tempo para poder fotografala, é que que hai que compartir, porque iso é o que fan alí, danche o que teñen. Nótase que son aldeas comunitarias”, dixo Mercedes, asegurando que “o único que quero demostrar con esta exposición é que existe xente marabillosa que dá o que ten. Máis que fotografia é pura etnografía, retrátase toda unha vida. Son sobre todo sentimento”, asegurou.

A mostra, cuxa inauguración concluía cuns petiscos e viño da D.O. Valdeorras, pode visitarse en horario de 12 a 14 e de 18 a 21h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button