ConcellosPetínÚltima hora

Petín acollerá a “premiere” en Valdeorras do filme “María Solinha” de Ignacio Vilar

Está prevista para o 1 de agosto e contará coa presenza do director e das protagonistas, Laura Míguez e Grial Montes

Fotograma da película extraída da páxina web de Vía Láctea Filmes.

 

A alfombra vermella estendérase en Petín na noite do vindeiro 1 de agosto. Esta vila acollerá a “premiere” en Valdeorras do filme “María Solinha”, do director petinés, Ignacio Vilar. O acto contará coa presenza deste cineasta e tamén coa das dúas actrices protagonistas: Grial Montes e Laura Míguez.

O acto terá lugar no exterior do Teleclub e terá un aforo limitado a 200 persoas, polo que será necesario que  os interesados en asistir o notifiquen a partir de mañá 16 de xullo chamando ao Concello de Petín (teléfono 988 31 02 23).

O programa comezará ás 21h. co photocall, ás 22:15h. principiará a presentaciónm que correrá a cargo de Ignacio Vilar e, seguidamente, darase paso á proxección da longametraxe. “Estou moi ilusionada de que se teña escollido Petín para esta premiere, é todo un acontecemento cinematográfico”, destaca a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, quen tamén incide en que é importante que a xente que queira asistir avise antes, xa que senón non se poderá acceder ao recinto, no que se manterán en todo momento as medidas de seguridade.

 

Estrea de “María Solinha” ao aire libre en Redondela, en xuño./ Foto cedida

 

“Será unha premiere con todo o que significa, ademais temos previsto contar con Abraham Cupeiro tocando o carnyx (un antigo instrumento), algo que xa te mete de cheo na película porque é a música da banda sonora”, destaca Ignacio Vilar.

Ademais en Petín as protagonistas lucirán  o vestiario deseñado para a estrea, deseñado por David Vila, e con zocos de Elena Ferro da colección “María Solinha”.

Ignacio Vilar anima á asistir ao acto e destaca que “María Solinha” é “unha crónica da imparable enerxía feminina deste mundo, fronte a tantos dragóns ou COCOS malos- de Redondela ou de onde sexa- que saen das covas, unha e outra vez, para devorar a carne viva do mundo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button