ConcellosÚltima hora

Petín, escenario nesta fin de semana da VII Feira de 1812

A festa que conmemora a Constitución de Cádiz celébrase no casco vello o 23 e 24 de xuño
Asistentes á anterior edición da Feira de 1812 en Petín./ Foto: Carlos G. Hervella.

O temporal e a chuvia que se prevían para a fin de semana do 9 e 10 de xuño, causou estragos nos eventos organizados en Valdeorras obrigando a aprazar varios. Un deles foi a VII Feira de 1812 en Petín que finalmente celebrarase esta fin de semana no casco vello da localidade con varias novidades con respecto ás anteriores edicións. A principal, que se celebrará en dous días en lugar de tres, co pregón previsto para o sábado a mediodía.

A cita coa que Petín conmemora dende hai sete anos a Constitución de Cádiz, será coma sempre nas empedradas rúas do casco vello petinés que regresará ao século XIX engalanado para a ocasión, en canto a oficios, artesáns, vida social e tradicións, con figurantes polas rúas (soldados franceses, bandoleiros, comerciantes, damas,…), e con numerosos postos ocupados por empresarios e artesáns do propio concello, de toda a comarca de Valdeorras e tamén doutros puntos da xeografía galega e incluso española.

A música tampouco faltará nesta ocasión, con actuacións os dous días (La Banda de Mazinger o venres 22 de xuño pola noite para ir abrindo boca, a charanga Sorcha o sábado, o grupo de gaitas Airiños de Caldelas e a Banda de Música Fonte Grande, o domingo) adiantan dende a organización, asegurando que esperan contar con medio cento de postos de todo tipo de produtos: dende o escribinte ou a botica ata adegas, artesanía en coiro, esculturas, artesanía en lousa, doces, carnicería, manualidades, maquetas de barcos, licores, restauracións,… Coma sempre a parella de bois engalanados co carro e un grupo de cabalos, percorrerán as rúas do casco antigo de Petín, ademais este ano ampliarán o número de adegas participantes, contando ademais cun posto de pementón.

A inauguración de feira terá lugar o sábado 23 de xuño en torno ás 11 da mañá e dúas horas despois terá lugar a lectura do pregón a cargo de Mª Antonia Vázquez Díaz. O horario da feira será de 11 a 23h. aproximadamente e o domingo farase o sorteo dos 500 euros das rifas ás 21:30h. na taberna da organización.

Artigos relacionados

Back to top button