ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Petín consolida a Feira de 1812

Numeroso público se achegou ata a localidade valdeorresa para ver, degustar e mercar produtos da zona

Xa dende a primeira edición, en abril de 2012, a “Feira de 1812 en Petín” prometía ser unha cita inesquecible e este ano tampouco defraudou. Malia a constante ameaza da chuvia que se deixaba sentir de cando en vez e o frío inusual para o mes, foi moita a xente que se achegou ata o casco vello do pobo entre os días 6 e 8 de xuño.

Por terceiro ano consecutivo, os veciños de Petín ataviáronse con vestimentas de principios do século XIX para conmemorar a expulsión das tropas francesas protagonizada polas mulleres na Ponte da Cigarrosa en 1809. Vestidos de soldados franceses, comerciantes, nobres e incluso bandoleiros a poboación volcouse un ano máis coa iniciativa que nacía hai tres anos e que xa está consolidada.

Os industriais da zona tamén se sumaron á iniciativa e ao longo de todo o casco vello petinés colocáronse diferentes postos de viño, licores, doces, charcutería… e tamén talleres de alfareiría, carpinteiría, artigos de pel, de tea, de papel… así como fermosas exposicións. Repetiron a de bonsáis, a de maquetas de barcos e o anticuario con todo tipo de aparellos antigos, e este no como novidade pudo verse unha de soldadiños de chumbo, moedas e reloxos de peto.

O programa abríao o venres, J. Manuel García Díaz (periodista natural de Petín) coa lectura do pregón dende o balcón da Anita, continuando coa actuación e pasarrúas dunha representación da Tuna da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.
A partires de aí sucedéronse as sorpresas, como a que deron unha parella de bois paseando polas rúas do casco vello de Petín e deixándose fotografar con todo aquel que o desexaba.

Á cita non faltaron os cabalos que xa forman parte da posta en escea da feira, nin tampouco a ambientación de comezos do XIX nin o desfile da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, nin por suposto a taberna con churrasco que este ano cubriron cunha carpa para protexer tanto da chuvia como do sol.

Un ano máis, durante toda a fin de semana, Petín marcou a diferenza converténdose en punto de encontro para todo tipo de público.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button