ConcellosPolíticaÚltima hora

Petín converterá o seu casco antigo nunha galería de arte

Arredor de 70 obras de diferentes autores e disciplinas exporanse os días 14 e 15 de agosto nesta zona da vila

 

O Concello de Petín, en colaboración cun grupo de creadores de Valdeorras, acordaba poñer en marcha unha nova iniciativa apostando polo mundo da arte e garantindo, ao mesmo tempo, todas as medidas de seguridade sanitaria para o público, contando cun protocolo Covid e coa colaboración de Protección Civil de Petín.

Este novo proxecto leva por título M.AR.CO. e aposta por converter, ao longo de dous días, o casco antigo de Petín nunha galaría de arte ao aire libre. Así nesta fermosa zona da vila exporanse unhas 70 obras (tanto pintura como escultura) de recoñecidos artistas valdeorreses como Lito, Conde, Torino ou Carina, ademais de traballos doutros creadores amaterus de Petín, tal e como avanza, Amancio Díaz dende a Asociación Cultural Fonte Grande.

“Os cadros colgaranse das fachadas das casas da zona onde habitualmente se instala a “Feira de 1812″ e estarán iluminados como se se tratase dunha sala de exposicións, e o mesmo as esculturas. E algo que lucirá especialmente pola noite”, adianta Díaz.

A inauguración desta mostra está prevista para o venres 14 de agosto ás 20h. e poderá visitarse ata as 23h. Ao día seguinte, día 15, o horario para ver as obras de M.AR.CO. será o mesmo.

Dende a organización agradecen a colaboración dos veciños e dos creadores para poder levar adiante esta iniciativa, así como do Concello e de Protección Civil de Petín.

Artigos relacionados

Back to top button