ConcellosPetínÚltima hora

Petín pon en marcha unha campaña sobre xoguetes e xogos non sexistas de cara ao Nadal

O programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres “Coeducando creando en Petín” chega así á recta final

 

O Concello de Petín remata esta fin de semana as actividades do programa “Coeducando Creando” que culmina coa campaña “Este Nadal, regala igualdade”. Dirixida a toda a poboación, ten como obxectivo fomentar os xoguetes e xogos non sexistas por parte de pais, nais, familia e docentes. Así, os adultos deben participar na elección dos xoguetes dos nenos e nenas, “escapando dos estereotipos sexistas para que os xogos e xoguetes sexan un obxecto de entretemento e aprendizaxe, creatividade e imaxinación ilimitado”.

Dende o Concello, a alcaldesa Raquel Bautista sinalou que no marco deste programa “celebráronse varias actividades, unhas dirixidas á poboación infantil e outras que tiveron como destinatarias a adolescentes, todas elas destinadas á promoción de igualdade de oportunidades e de fomento da desaparición dos roles e estereotipos de xénero, a violencia sexual e o uso axeitado e crítico de internet”. A primeira parte celebrouse o día 19 de setembro na Casa de Cultura e estivo integramente dirixida a nenos e nenas de infantil e primaria no que traballaron nun “Dicionario da Igualdade” e nas “Lentes Violetas”. As actividades dirixidas a adolescentes celebráronse o pasado 21 de novembro, tamén na Casa da Cultura e tiveron como eixo central a igualdade e a prevención da violencia de xénero ao redor do audiovisual e as tecnoloxías

A alcaldesa agradece a todas e todos os participantes “a súa implicación neste programa pioneiro que pon o acento na coeducación e nos os valores de igualdade como mellor vacina para previr a violencia de xénero na poboación máis nova”.

DIPTICO XOGUETES NON SEXISTAS

Artigos relacionados

Back to top button
Close