ConcellosÚltima hora

Petín recibe 20.000 euros da Deputación para mercar unha rozadora con brazo

A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada hoxe, aprobou preto de 300.000 euros en axudas para cultura, turismo medio ambiente e deporte
Pablo Pérez deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada hoxe, aprobou un total de 297.000 euros en axudas a entidades e concellos da provincia destinadas a temas de cultura, turismo, medio ambiente e deporte. Así o informou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 23 de xuño.

Tamén aprobou o pago anticipado do 75% da axuda (112.500 euros) ao Concello de Laza para o parque e edificio municipal do centro de emerxencias. Outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para o Concello de Padrenda por importe de 25.000 euros destinada á realización de traballos medioambientais, e para o Concello de Petín unha axuda de 20.000 euros para adquisición dunha rozadora con brazo.

Para o Concello de Riós a Deputación aprobou unha axuda de 30.000 euros para o mantemento e funcionamento dun Centro Agroforestal e, por último, para a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín aprobou unha axuda de 50.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017.

No relativo á cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 100.000 euros para a Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense para actividades da entidade correspondentes ao ano 2017. E, para a Fundación Estanislao Reverter, aprobou unha axuda por importe de 30.000 euros para a realización de proxectos da entidade correspondentes a este ano.

No eido cultural, na reunión aprobouse o peche da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para o fomento de actividades escénicas e musicais para o ano 2017, acordo que se aprobou publicar no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web da Deputación para xeral coñecemento.

En materia de cooperación cos concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno provincial vén de aprobar unha axuda para o Concello de Castro Caldelas por importe de 25.000 euros para a dinamización do castelo e para a promoción turística do municipio. Para o Concello de Cortegada aprobou unha axuda de 17.000 euros para o mantemento do servizo de augas, iluminación e subministro de enerxía correspondentes ao ano 2016.

Plan Provincial

A Xunta de Goberno aprobou tres modificacións do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017. Unha delas relativa ao municipio de Laza, pola cal se incorpora ao plan principal a obra “construción de almacén para o centro social en Toro”, en lugar da obra “construción de centro social en Toro”, cun orzamento total de 55.000 euros.

A segunda modificación afecta ao Concello de Monterrei incorporando ao plan principal as obras “Beirarrúas na intersección da OU-1012 e OU-1014” e a obra “Reforzo do firme na estrada OU-1021”, ambas obras verían a substituír o proxecto “beirarrúas e reforzo de firme na OU-1014 e OU-1021”, cun orzamento total de 60.000 euros.

A terceira modificación é relativa ao municipio de Castrelo de Miño pola que se incorporaría ao plan principal a obra “Mellora no sistema de depuración en Cortiñas, Ramirás, Santo Estevo, Noallo, Astariz, Traveso, San Pedro, Vilela, Vide, As Bouzas, Troncoso, Noguiredo, Santa María, Prado, Oleiros, A Hermida, Carixa, Parada, Souto, O Rial e Señorín”, cun orzamento de 55.000 euros e en substitución da obra “reforma de edificación para fogar residencial en Castrelo de Miño, 1ª fase”. Asemade, tamén se aprobou a modificación Plan complementario no relativo a este municipio, incorporando a dito plan a obra “reforma de edificación para fogar residencial en Castrelo de Miño, 1ª fase” cun orzamento total de 55.000 euros, en substitución da obra “reforma de edificación para fogar residencial en Castrelo de Miño, 2ª fase”.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincia “OU-0210 Leirado-Pontedeva”, no municipio de Quintela de Leirado.

Artigos relacionados

Back to top button