En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Petín tamén se solidariza cos veciños de San Vicente de Leira

Numerosas persoas de toda Valdeorras reuníanse para pedir unha “vía de comunicación digna”

Unhas horas despois de que os veciños de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) se reuniran no punto máis crítico da estrada OU-807 de acceso á localidade vilamartinesa, volvían xuntarse, desta volta acompañados por veciños doutros pobos da comarca, diante da Casa do Consistorio de Petín.

Este é un dos concellos de Valdeorras (xunto á Rúa, O Barco e por suposto Vilamartín) que se solidarizou coa problemática da estrada de San Vicente, cada vez máis deteriorada dende hai xa vinte anos. Así o demostraron as numerosas persoas que na tarde-noite do 13 de marzo se xuntaron para reclamar unha estrada digna. Diante dos asistentes, o alcalde de Petín Miguel Bautista, amosou o seu apoio, dando paso ao portavoz dos veciños de San Vicente, Leopoldo Nogueira que lia un “manifesto por unha vía de comunicación digna”. No comunicado, Poldo asegurou que “semella indignante, un sen sentido, que no suposto primeiro mundo, en pleno século XXI, século da inmediatez e da comunicación, a aldea de San Vicente de Leira se vexa privada da súa vía de comunicación co resto da comarca e do país”. Tamén fixo referencia aos vinte anos que levan coma mesma problemática “20 anos de perigos, de dificultades, de ausencia de respostas, de proxectos que quedan niso, en proxectos”. Leopoldo remataba asegurando que só piden “restablecer aquilo do que gozamos durante décadas e que nos foi arrebatado por diferentes intereses económicos: un acceso digno e seguro ás nosas casas, ás nosas terras e ás nosas raíces”.

O alcalde de Vilamartín pola súa banda, agradeceu a presenza dos asistentes anunciando que malia que a idea é manifestarse tamén na Rúa e no Barco, “segundo as últimas novas que temos parece que hai un achegamento coa Deputación previsto para este xoves ás 10:30h. Se realmente se produce e entra nas cabezas que é posible a solución de urxencia que propoñemos, poderiamos entrar con relativa tranquilidade no pobo, aínda que estaría lonxe do proxecto definitivo. Se finalmente, trala reunión conseguimos o compromiso firme e por escrito, poderemos darnos por satisfeitos e remataremos coas manifestacións e co meu encerro. Se non é así, continuarán as mobilizacións”, asegurou Enrique Álvarez.

De seguido, coas pancartas reivindicativas e ao son de bombos e asubíos, os manifestantes collían rumbo á praza de Petín, coreando mensaxes como “isto non é ben, isto está mal, matas o rural”, entre outras.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button