CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Peza da valdeorresa Fátima Delgado en homenaxe a Florencio Delgado, no Festival Kerouac en México

Trátase dun encontro nado para respirar a poesía e as súas diferentes extensións artísticas en dous días

A poeta Fátima Delgado./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Festival Kerouac chega a México co apoio do Goberno galego en dous actos presenciais onde a poesía salta aos escenarios e ás pantallas. Unha mostra variada da escena poética mexicana na que a poesía galega é tamén a protagonista da man de Fátima Delgado, familiar de Florencio Delgado Gurriarán, figura homenaxeada nestas Letras Galegas 2022. A poeta galega contará a historia do escritor valdeorrés, quen pasou parte da súa vida emigrado en México.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Compostela na presentación deste festival internacional que leva a poesía galega ao outro lado do Atlántico. Acompañado do poeta Malvares Xido, que asistiu en representación da organización do festival, Valentín García agradeceu “os esforzos que fai o Festival Keouac por difundir a lingua e a literatura galegas alén mar, e este ano, dunha maneira especial, nun territorio cuns vencellos tan estreitos con Galicia, coma México, a onde tantos emigrados e exiliados chegaron”. O representante da Consellería de Cultura considerou “especialmente acaído escoller México no ano que lle dedicamos a Florencio Gurriarán”.

 

Presentación do Festival Kerouak.

 

O Festival Kerouac, que chega á súa cuarta edición, é un encontro nado para respirar a poesía e as súas diferentes extensións artísticas en dous días de recitais en voz alta, hipertexto, slam, escritura xerativa, performance, poesía en código, videopoesía, libro dixital e moito máis. Este festival segue a construírse como unha ponte poética que, desde as súas sedes en Galicia e Nova York, chega por primeira vez a Cidade de México para seguir sacudindo o panorama artístico, activando sinerxías poéticas e xerando colaboracións. Un encontro transatlántico de poetas e investigadores da lingua de distintos lugares do mundo que se dan cita para mostrar os novos camiños da poesía.

O festival terá lugar no Fórum Cultural Hilvana esta tarde (17,00 horas) e na Sala X do CCEMx, mañá ás 18 h. Toda esta programación poderá seguirse desde Galicia en streaming nas redes sociais do Festival Kerouac, onde ademais quedará publicada.

Artigos relacionados

Back to top button