EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Pilar Delgado e Charo López reciben os premios Mercurio Comercio de Ourense 2015

As comerciantes valdeorresas foron premiadas xunto a outras vinte persoas e entidades da provincia

O Centro Cultural Marcos Valcárcel, acollía na noite do 21 de outubro a Gala Premios Mercurio Comercio de Ourense 2015, organizada pola Federación de Comercio de Ourense como broche de ouro ás xornadas “Ourense é comercio” que se desenvolveron ao longo do mes.

Con este acto, a Federación rendeu homenaxe e recoñecemento a vintedous profesionais e valedores destacados na súa relación coa actividades comercial na provincia. Catorce dos premiados cunha reprodución da moeda do emperador Marco Aurelio (adicada ao Deus do Comercio), foron designados polas diferentes asociacións empresariais da provincia e oito foron elixidos por un xurado específico formado por cinco membros da Xunta directiva da Federación de Comercio de Ourense.

No primeiro grupo, proposta pola asociación CCA O Barco Aberto, recibíu o Premio Mercurio a primeira presidenta do Centro Comercial Aberto O Barco, Pilar Delgado Campos, “pola súa capacidade de entrega e pola súa implicación en tódolos proxectos que teñan que ver co desenvolvemento e benestar do sector empresarial e da comarca de Valdeorras, por considerala como a mellor repesentante para promocionar o asociacionismo”. Pilar recollía o premio de mans do actual presidente do CCA O Barco, Ángel Álvarez.

No segundo grupo, está incluída outra valdeorresa, Charo López García, que recibia o Premio Mercurio ao compromiso co asociacionismo, “polo seu dinamismo a nivel asociativo, por ter sido presidenta do CCA O Barco, vicepresidenta da Federación de Comercio de Ourense e por ser membro do comité executivo da Federación Galega de Comercio”. Charo recollía o premio de mans do presidente da Federación Galega de Comercio, José. M. Seijas.

A entrega dos premios arrancaba coa intervención do presidente da Federación de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez Villar, quen asegurou que “hoxe tódalas asociacións cumprimos coa nosa xente e este é o primeiro capítulo dunha nova etapa”. No transcurso da gala, tamén interviron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a directora xeral de Comercio Sol Vázquez; e a gaiteira máis internacional, Cristina Pato, que recibía o seu Premio Mercurio como embaixadora do comercio ourensán, dando as grazas en nome de tódolos premiados.

O acto, que encheu o salón de exposicións do Centro Cultural con políticos, representantes da vida social e comercial de toda a provincia, rematou cunha degustación de “sabores de ourense”, con viño e castañas asadas incluídas.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button