EconomíaEconomíaÚltima hora

Piñeiro (A Pobra de Trives) celebra este venres a 25 Cea do Cocido

A orquestra Olympus será a encargada de amenizar a sesión verbena
Imaxe dunha das últimas edicións da Cea do Cocido de Piñeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Parece que foi onte e xa pasaron vintecinco anos dende que botaba a andar a Cea do Cocido de Piñeiro (A Pobra de Trives). Unha festiva xuntanza gastronómica coa que esta localidade do concello de Trives abre as festas na honra a San Sebastián.

Nesta ocasión, para conmemorar as vodas de prata, a cita está prevista para este venres 25 de xaneiro a partires das nova da noite. Esa será a hora na que abran as portas da carpa, con potente calefacción e capacidade para 400 persoas, na que cada ano se xuntan veciños da contorna e de municipios da bisbarra como O Barco de Valdeorras ou A Rúa, que irán collendo o seu sitio nalgunha das mesas corridas preparadas. Alí haberá unha bolsa de papel co servizo completo: garfo, coitelo, servilleta, cunca de barro (que poderán levar de recordo), e tamén unha ración de bica, o postre dun menú elaborado no propio recinto con produtos da terra: patacas, grelos e todo tipo de carne de porco, dende chourizo e androlla ata morro, pasando pola orella e o lacón. Para beber, viño da zona e licores.

Entre risas, viño e comida, desenvolverase a cea que un ano máis estará amenizada musicalmente pola charanga Nova Terras de Trives que percorrerá o recinto, poñendo son ao evento, antes e durante a cea. No momento do postre, procederase ao tradicional sorteo de produtos ao que todos os asistentes terán opción co número da entrada: lotes de viño, queixos, produtos cárnicos e o sorte especial de 500 euros. E xa despois da comida chegará outro dos pratos fortes da noite: a actuación da orquestra Olympus que animará aos asistentes ata altas horas da madrugada.

Máis información no número de xaneiro da edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button