DeportesÚltima hora

Piñor acollerá esta fin de semana o seu primeiro RallyMix

A proba automobilística, puntuable para o campionato galego, conta xa con preto de 30 pilotos preinscritos
Presentación do I RallyMix Concello de Piñor.
Presentación do I RallyMix Concello de Piñor.

Os días 16 e 17 de abril, o concello de Piñor acollerá a primeira edición do seu RallyMix, unha proba puntuable para o campionato galego na que ata o momento hai 28 pilotos preinscritos, con novas solicitudes chegando continuamente. Así o anunciaban na presentación do evento deportivo que tiña lugar na mañá do 13 de abril na Deputación de Ourense, coa asistencia do alcalde de Piñor, José Luis González; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral Pérez; o presidente da Escudería Mixrallye Sports e director de carreira, Ignacio Dávila Estévez; o veciño de Piñor e impulsor do RallyMix, Iván Alonso Nogueira; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

Durante o acto, o alcalde de Piñor resaltou a importancia deste evento deportivo para un concello pequeno do rural “porque é un medio fantástico para a promoción e permite a difusión turística de Piñor xa que as previsións de asistencia en eventos como estes atraen a miles de visitantes que poderán coñecer as belas paraxes que temos así como visitar os seus pazos, pontes, fervenzas e igrexas que non deixarán indiferente a ninguén”, dixo, sen esquecer a repercusión económica do evento “que revirte no propio concello sobre todo no sector servizos, xa que a organización, pilotos, copilotos e moitos visitantes estarán en Piñor durante toda a fin de semana”. Para o Concello de Piñor a celebración desta primeira edición do RallyMix “é unha oportunidade que imos aproveitar”, asegurou José Luis González.

Finalmente o alcalde anunciou que plantará unha árbore por cada coche inscrito coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, un acto co que quere reflexar a súa “sensibilización co rural, co medio ambiente e coa natureza que é perfectamente compatible co desenvolvemento de actividades deportivas como ésta”, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button