OurenseÚltima hora

Pintura e fotografía no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Ourense acolle a exposición “Unha casa do Rial” de Enlaba Carballo e Riobó Prada
Imaxe do convite á exposición.
Imaxe do convite á exposición.

Dende o 2 de xullo e ata o 16 de agosto, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle o proxecto expositivo realizado pola pintora Ehlaba Carballo (Xunqueira de Espadanedo, 1960) e o fotógrafo Riobó Prada (nome que emprega Antón Fernández Escuredo para asinar os seus traballos fotográficos. Bos Aires, 1967) ao redor da porta dunha casa do Rial, unha aldea do concello ourensán de Maceda.

Tal como explican os autores hai uns anos decidían traballar nesa casa que lles chamou especialmente a atención, para “buscar unha historia universal que contar partindo dun elemento tan sinxelo como característico das construcións habitadas desde a nosa Cultura Castrexa: unha porta”. O proxecto, que pode verse na sala de exposicións, xurdiu nunha viaxe na que coincidiron a pintora e o fotógrafo ao concello ourensán da Veiga en decembro de 2009. “De paso polas parroquias de Vilanova, Ponte, Xares e Riomao observamos moitas vivendas baleiras, abandonadas, que aínda mantiñan en pé os seus accesos. As portas e cancelas, todas de madeira, mantiñan o espírito vivo, como a súa propia materia, e semellaban contar historias”. Meses despois, atopaban esa mesma mensaxe nas portas dunha pequena aldea semiabandonada do concello de Maceda chamada O Rial.

A porta sobre a que Enlaba e Riobó decidiron traballar era a “da casa de Elena, a filla do Casal”. A través de pinturas e fotografías de medidas variables, os autores quixeron “explicar a porta como separación, división ou traslado a outros mundos, a outras realidades, a outras dimensións. Como a evolución no proceso de deterioro físico que nos abre os camiños e amplía o noso campo de visión físico e espiritual”.

Artigos relacionados

Back to top button