EconomíaEconomíaÚltima hora

A pista de Atletismo de Expourense estará rematada o 31 de agosto

Esta pista será a primeira do tipo hidráulico de Galicia e unha das mellores de España
As obras están pensadas para compatibilizar a actividade deportiva coa feiral.

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz e do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, supervisou hoxe, 14 de xuño, as obras de construción da pista de atletismo hidráulica cuberta no recinto feiral da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense). Alí, xunto ao director da actuación e demais técnicos a máxima responsable do deporte na comunidade informou de que a obra “está a cumprir todos os prazos polo que será entregada o vindeiro 31 de agosto”.

Estas obras realízanse ao abeiro do convenio de cooperación asinado o pasado 11 de abril de 2016 entre a Secretaría Xeral para o Deporte e Expourense. Tras asinar o contrato coa construtora, o pasado 17 de agosto de 2016, as obras comezaron o 30 de novembro de 2016 e foron reiniciadas no mes de marzo, unha vez rematado o Salón Internacional de Gastronomía e Turismo Xantar. No momento actual, o foso de formigón no que se montará a pista hidráulica xa está rematado, así como a estrutura e a cuberta da ampliación dos espazos auxiliares.

Grazas a construción desta pista cun sistema hidráulico que permite a total compatibilidade do uso deportivo co uso feiral ao que se destina o espazo, Galicia terá a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta que pasará a ser unha das tres mellores de España contando coa tecnoloxía máis moderna de todas as existentes.

A viabilidade e a compatibilidade de usos son as principais características deste proxecto que atraerá a importantes atletas e deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan, a superficie sintética queda ao nivel adecuado para que poida usarse para outros deportes ou actividades. O proxecto para a construción da pista cumpre coas prescricións técnicas para garantir a compatibilidade das novas instalacións co actual uso do recinto. Cómpre salientar, ademais, que as pistas cubertas con peralte hidráulico axustable poden subirse e baixarse automaticamente nun período de tempo ao redor dos cinco minutos.

Neste aspecto, estase a realizar a montaxe de todas as instalacións previstas para o uso feiral (saneamento, fontanería, electricidade trifásica e monofásica e rede de datos) para dar servizo tanto ao uso feiral tanto no interior da pista como na zona exterior. Na zona da pelouse (interior da pista curva) un total de 90 arquetas situadas a unha distancia media de 3 metros permitirán dar servizo a calquera evento que o demande. Ademais, outras 7 arquetas de uso deportivo dan servizo a todo o sistema de cronometraxe e control dentro da pelouse e están conectadas coa zona de xuíces e de “foto finish” situada enriba das gradas retráctiles. Tanto estas gradas como a zona de xuíces e foto finish non influirán no desenvolvemento das actividades e eventos feirais.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button