ConcellosÚltima hora

Pista de xeo, teatro, cine e maxia, entre as propostas do Nadal no Barco

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, vén de presentar o programa de actividades para estas datas festivas

 

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do programa./ Foto: A.R.

Variado, pensado para todos os públicos, pero de xeito especial para os máis pequenos. Así definía a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, o programa de actividades que se desenvolverán na vila neste Nadal. “Hai unha serie de compoñentes clásicos e imprescindibles que vimos mantendo todos os anos como son o Concerto do Conservatorio e da Escola de Música previsto para o 19 de decembro ás 19h. no Teatro Lauro Olmo ou o Festival de Panxoliñas do 21 de decembro ás 20:30h., tamén a Carreira do Turrón o día 22 de decembro ou a pista de xeo e inchables, que é xa o cuarto ano que vén ao Barco”, sinalaba esta concelleira no acto de presentación do programa na mañá do 12 de decembro no Barco.

A pista de xeo sintético instalarase nesta ocasión no pavillón de Calabagueiros entre os días 1 e 7 de xaneiro cun horario de 11h. a 14h. e de 16 a 20h. Ademais están as visitas do Apalpador o día 30 de decembro e dos Reis Magos na tarde do 5 de xaneiro.

Xunto a isto, o programa conta con outro tipo de ingredientes como son o campamento de Nadal, unha exposición sobre fotografía etnográfica (instalada ata o 7 de xaneiro na entrada do Teatro Lauro Olmo, teatro con referencias especiais ao público infantil e maxia, ademais de cine de estrea.

 

Artigos relacionados

Back to top button