DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Pizarras 3 Cuñados FS e Santiago Futsal medirán forzas este sábado no Barco

O pavillón de Calabagueiros acollerá ás 18:30h. o partido de cuartos de final da Copa Galicia

Nun dos seus mellores momentos deportivos se encontra o Pizarras Los Tres Cuñados FS. Veñen de ratificar a segunda posición na liga en segunda división nacional B trala vitoria ante o terceiro clasificado, o Guardo, e este sábado 10 de febreiro, xogarán no Barco de Valdeorras o partido de cuartos de final da Copa Xunta de Galicia, nin máis nin menos que co Santiago Futsal de primeira división.

O partido, que se celebrará no pavillón de Calabagueiros a partires das 18:30 horas, era presentado na tarde do 8 de febreiro no Concello do Barco, nun acto ao que asistían o presidente do club, Santiago Vázquez; o adestrador, Xocas Miranda; o coordinador Roberto Roberto; o capitán Bruno Carrera; e o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso.

O presidente do club aproveitou a ocasión para convidar a toda a comarca a asistir ao partido asegurando que para eles, xogar un partido cun histórico da primeira división coa solera que ten o Futsal “é algo excepcional e pensamos que se vai ver un bo espectáculo”. Son conscientes da diferenza entre os dous equipos pero “pola nosa parte estou seguro de que os nosos xogadores vano dar todo”.

Da mesma opinión é o adestrador, aínda que el vai máis alá e asegura que “de cada mil partidos podemos ganar un e intentaremos que sexa este. Ao noso favor temos que eles acaban de comezar a adestrar despois dun parón de dúas semanas, levan tres sen competir e non están en plenas facultades e iso é o que temos que aproveitar para intentar sorprendelos”. Ao seu favor teñen tamén a a boa racha pola que están atravesando. “Pelexando por todo na liga para xogar a Copa do Rei que para nós sería un grande premio, sempre pensando no que somos: un equipo da comarca con xente da comarca que traballamos dende aquí e para aquí”.

Para o partido do sábado, o equipo valdeorrés contará con todo o plantel (excepto Vedo e Álex, lesionado dende decembro o que supón unha unha falta importante para toda a liga), entre eles o capitán, Bruno Carrera, que asegura que “intentaremos competir e se se pode dar a sorpresa, non desaproveitala”. Con todo, asegura aque en partidos así nos que a priori saen en desvantaxe “creo que temos que ter unha defensa como a de agora, moi organizada e ser eficaces nas oportunidades que teñamos para intentar sacar algo positivo”.

Senón o logran, dende logo será unha gran experiencia demostrando que, segundo as palabras do concelleiro, “o deporte con maiúsculas está agora mesmo en Valdeorras: vos e o  CD Barco en cabeza das clasificacións, o Adas arrasando no cross, unha campiona galega en karate,…”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button