Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Plan Activamos-Transforma Ourense duplica a súa liña de crédito a PEMES e autónomos

Esta iniciativa, activa dende o 2014, renovouse hoxe coa sinatura do convenio entre Abanca e a Deputación e ofrece financiamento tamén a familias e entidades locais

A Deputación e Abanca renovaron hoxe, 20 de febreiro, o seu programa financeiro conxunto Activamos-Transforma Ourense “para dotar de investimento ao tecido produtivo de Ourense”, asegurou o director territorial da entidade bancaria en Ourense, Rubén Saavedra. A sinatura foi levada a cabo polo presidente da Deputación, Manuel Baltar e o o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa.

O acto de sinatura do convenio celebrouse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa presenza de diferentes autoridades como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín ou deputados provinciais dos diferentes grupos, entre outros.

Rubén Saavedra explicou que este plan “proporciona unha liña de crédito en condicións moi vantaxosas” a entidades locais, familias, PEMES e emprendedores.

Cono novidades para este ano, expuxo Saavedra, son o incremento dos límites nas liñas de crédito para PEMES e autónomos, que se duplica ata os 200.000 euros, e a creación dunha nova modalidade para familias que queiran rehabilitar vivendas en contornas rurais.

O director territorial recalcou que esta iniciativa está consolidada dende a súa creación en 2014 e que pecha esta terceira edición “como preza relevante na inxección de crédito” na provincia. Tamén puxo en manifesto que este plan formalizou dende a súa creación un total de 2.627 operacións cun importe global de 77,7 millóns de euros.

En total, cifrou, “nove de cada dez euros concedidos” foron destinados a PEMES e autónomos, “o que supuxeron un total de 2.503 formalizacións por un importe global de 72 millóns”, asegurou. Desta cantidade, o plan concedeu 35 millóns a atender “ás necesidades de circulante de PEMES e autónomos”, en concreto 29 millóns para acometer novas inversións, 6,3 millóns ao emprendemento, 0,9 millóns á creación de emprego e 0,4 á mellora enerxética.

No eido das corporacións locais, foron un total de 33 operacións “por un importe de 4,7 millóns de euros”, asegurou. Finalmente, o plan Activamos-Transforma Ourense permitiu a inxección de preto dun millón de euros en crédito na provincia, principalmente para financiar “pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación”, explicou Saavedra, que dixo que o importe medio destes préstamos foi case de 11.000 euros.

Pola súa banda, Santiago Novoa, director de Banca Institucional de Abanca, sinalou que este convenio vai “permitir seguir desenvolvendo o tecido da provincia”. Novoa manifestou que este plan é “un plan vivo, social, integrador, dinámico, transparente adaptado á realidade da provincia e á sociedade ourensá”.

Finalmente, o presidente da deputación, Manuel Baltar, reafirmou as declaracións de Santiago Novoa e manifestou que este convenio é “un compromiso coa renovación e unha alianza estratéxica” e reiterou que “sabiamos que isto era unha aposta permanente, estable e de futuro”.

Fotos e texto: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button