As infraccións penais contabilizadas no 2014 en Ourense amosan unha notable baixada con respecto ao ano anterior. Era un dos datos que se poñía sobre a mesa na reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense, que tiña lugar na Subdelegación do Goberno na mañá do 10 de decembro.
Nesta reunión, que foi co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández Gallego, participaban membros do CNP, Policía Autonómica e Policía Local; e como convidados, os presidentes da Federación de AA.VV “Limiar” e da AA.VV “Ourense Centro”.
No decurso deste encontro os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá e resaltaron a importancia da colaboración entre colaboración existente entre elas.
“Os datos expostos amosan un descenso notable no total das infraccións penais (-8,30%), sendo a baixada nos delitos dun 8,72% e as faltas, un 7,97%. Especialmente significativa é a baixada no total anual de roubos con forza e na sustracción de vehículos. A eficacia policial neste período anual medra por riba do 17%. Tamén se percibiu un aumento notable de persoas identificadas e vehículos revisados por parte da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional e as distintas patrullas da Policía Local de cara a afondar no eido preventivo”, tal e como se informa dende a Subdelegación do Goberno en Ourense.
Asemade tratouse tamén o dispositivo policial operativo nas zonas comerciais e de ocio da cidade con motivo das vindeiras datas do Nadal. Estableceuse xa o 1 de decembro e continuará ata o vindeiro 8 de xaneiro. “O obxectivo é potenciar a presenza policial naquelas zonas e lugares de maior afluencia de persoas (Casco, Paseo, Sto. Domingo e Ponte Vella). Facilitar información, medidas de seguridade e consellos aos comerciantes e lugares de ocio para previr e/ou reducir os posibles delitos dos que poidan ser vítimas”, citando á Subdelegación.
O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, manifestaba a súa plena confianza no traballo que están a desenvolver as distintas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Policía Autonómica e a Policía Local, e que “grazas á súa extraordinaria colaboración, os visitantes que se acheguen nesta época a Ourense, poden disfrutar con total seguridade, da infinidade de recursos histórico – patrimoniais, naturais ou termais cos que contamos”.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, expresaba o compromiso de manter a colaboración da Policía Local co resto das Forzas e Corpos de Seguridade, “para que Ourense siga a ser un exemplo de convivencia pacífica e solidaria entre os nosos veciños quen nos visitan”, e engadiu que “soamente se pode gozar de tódolos atractivos da cidade cando a seguridade e o benestar dos cidadáns que se achegan a cidade das Burgas está garantida”.