CulturaCulturaÚltima hora

“Un planeta literario máxico”, teatro solidario a prol da Fundación Meniños

Esta nova peza de Metátese Teatro representarase o 15 de marzo no Teatro Principal de Ourense
Imaxe da presentación desta obra teatral solidaria.

Cada ano a cidade de Ourense acolle a representación teatral solidaria coa Fundación Meniños que organiza Metátese Teatro, coa colaboración do Teatro Principal e da Fundación CEO. Trátase dun espectáculo de creación colectiva que “se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade e o respecto”, segundo explican os seus promotores.

 

Os actores, durante a demostración realizada para convidar ao público.

A peza que se representará neste ano, en concreto a mediados de marzo no Teatro Principal, leva por título “Un planeta literario máxico” e propón unha viaxe “ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e gozar da maxia da creatividade”, tal e como se sinalaba no acto de presentación celebrado en Ourense na mañá do 9 de marzo.

No seu decurso un grupo dos mozos actores fixeron unha pequena demostración artística para convidar ao público ourensán a presenciar a posta en escena do vindeiro día 15. A primeira sesión, ás 12:00h., está destinada a escolares. A segunda representación desenvolverase ás 20:30h. para o público xeral.

O prezo das entradas será de 2 euros. Os cartos recadados destinaranse á Fundación Meniños, que desenvolve programas de atención familiar e sensibilización. A ONG entregará material informativo aos asistentes á representación para que poidan coñecer máis polo miúdo o traballo que realiza.

Artigos relacionados

Back to top button