ConcellosÚltima hora

O Pleno da Deputación aproba crear unha comisión para incendios forestais

O pleno tamén aprobou dous Programas de Cooperación cos concellos para limpeza das redes viarias e para a mocidade
Sesión plenaria de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

Sesión plenaria ordinaria da Deputación de Ourense hoxe, 27 de outubro. Como era de esperar, a vaga de incendios que asolaron a provincia marcou as liñas no salón de representantes do Pazo Provincial.

O minuto de silencio antes defensa da moción en apoio ás vítimas e afectados quedou tapado polo debate entre Goberno e partidos da oposición durante a moción presentada polo grupo popular para a creación dunha Comisión especial informativa e permanente de “Incendios Forestais e Emerxencias”, que foi presentada polo deputado Pládico Álvarez.

O que expón esta moción é que nesta comisión estean representados todos os grupos políticos en proporción á súa representatividade na cámara e “terá como atribucións debater sobre protocolos para a defensa do noso territorio; a participación, se así se require, en calidade de expertos de representantes dos Gobernos autonómico e central ou calquera persoa ou entidade vencellada ao sector para coordinar información e plans de actuación”. En conclusión, unha comisión que axudará a xestionar mellor os lumes dentro da provincia.

En canto á oposición, o representante dos nacionalistas, Ramiro Rodríguez foi o primeiro en falar para asegurar que esta moción é “oportunista”, xa que declarou que “parece que se dan de conta agora deste problema”. Pola súa banda, o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome asegurou que o que o PP propón nesta moción son “unha sarta de mentiras”. Pola súa banda, Francisco Fraga comezou o seu discurso cualificando de “construtiva” a moción pero aseguroulle a Plácido Álvarez que utilizar a palabra “carroñeiros e utilización política” na súa defensa foi desacertado.

Aquí arrancou a tensión no debate no que apareceron mencionadas as fotografías de Feijóo coa mangueira apagando incendios e a vaga de lumes do ano 2006 e a xestión do bipartito da mesma.

Pero, a pesar do intenso debate, finalmente esta moción saíu adiante polos votos a favor do grupo popular (13) e os oito do PSdeG-PSOE co voto en contra do deputado do BNG e as dúas abstencións de Democracia Ourensana.

Por outra banda, e tamén no ámbito da cooperación medioambiental, o pleno da Deputación aprobou as bases do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2018, para o cal a Deputación de Ourense estima unha contía máxima de 350.000 euros. Tamén se aprobou o Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2018, cuxo importe ascenderá a 549.000 euros, e que ten como obxectivo o financiamento das actividades que desenvolvan as citadas entidades a prol da mocidade no vindeiro ano.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button