OurenseÚltima hora

O Pleno da Deputación aproba instar á Xunta a que acelere a concesión do aparcamento do CHUO

Entre outras cousas, tamén aprobaron as Declaracións Institucionais de apoio á folga de mulleres do 8 de marzo e do Día de Rosalía de Castro
Sesión plenaria de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

O Pleno da Deputación aprobou hoxe, 23 de febreiro, a Declaración Institucional de apoio á folga de mulleres prevista para o vindeiro 8 de marzo. Unha declaración que non estivo exenta de polémicas xa que, por unha banda, o deputado do BNG, Ramiro Rodríguez, asegurou que este acta deberíase aprobar “en base ao consenso” de todas as forzas presentes na cámara provincial. Por outra banda, dende o grupo popular aseguraron que secundan esta convocatoria de folga das mulleres “pero de xeito indirecto”, é dicir, sen facer paros, xa que “non é xusto prexudicar á demais xente”.

Outra das Declaracións Institucionais aprobadas na sesión de hoxe foi a da Declaración Institucional do Día de Rosalía, que se celebrará mañá, 24 de febreiro, con motivo do 180 aniversario do nacemento da autora galega.

Dentro da orde do día tamén salienta a moción presentada polo grupo socialista sobre a posta en servizo do aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Nesta proposta, aseguran que se ten que pór en marcha “de xeito inmediato e gratuíto”. Así é todo, o Partido Popular presentou unha emenda a esta moción na cal modificaban a petición “para que se concesione a xestión do aparcadoiro na maior brevidade posible”. Finalmente esta emenda foi aceptada cos votos a favor dos populares (13) e tendo a toda a oposición en contra -BNG, D.O e PSdeG- que suman un total de 12 votos na cámara. Sendo rexeitada a moción presentada polos socialistas cos votos en contra dos populares.

Así é todo, o debate non estivo alleo a esta proposta xa que dende Democracia Ourensana, o seu voceiro, Gonzalo Pérez Jácome, asegurou que o Partido Popular está a atrasar esta apertura para beneficiar á empresa que xestiona actualmente o aparcadoiro do CHUO, que ten unha concesión de 50 anos por parte da Deputación. “Canto máis se tarde en abrir o paking, máis beneficio para a outra empresa”, asegurou. Sobre esta concesión tamén falou o voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez, cualificándoa como “un dos maiores roubos desta provincia”.

En canto á gratuidade e a xestión pública deste novo aparcadoiro, o deputado polo Partido Popular, Rosendo Fernández, recalcou que é imposible que o Sergas xestione este servizo porque “na súa Relación de Postos de Traballo -RPT- non existe tal posto”. Reiterou que o Sergas foi creado “para prestar só servizo sanitario”.

En canto á gratuidade o voceiro do grupo socialista, Francisco Fraga, aseguro que en Galicia hai hospitais que o teñen, pondo como exemplo o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, “no que ao igual polas mañás non é doado atopar sitio no aparcadoiro en superficie, pero polas tardes a xente que vai visitar aos seus familiares ingresados ten sitio de sobra” ou tamén coa proposta de Abel Caballero de abrir un aparcadoiro en superficie no Hospital Ávlaro Cunqueiro. Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome (D.O) reiterou que “estamos de acordo e votaremos a favor da moción do PSdeG-PSOE” aínda que matizou que “tamén se pode cobrar un prezo simbólico de non máis de dous euros ao día”.

Artigos relacionados

Back to top button