OurenseÚltima hora

O Pleno da Deputación aproba os orzamentos do 2018 e rexeita o “plan único” de reparto aos concellos

A sesión plenaria de hoxe tamén aprobou, por unanimidade, instar á Xunta e ao Ministerio de Agricultura a que tomen as medidas necesarias para a recuperación dos terreos afectados
Sesión plenaria de hoxe.

A Deputación aprobou no Pleno celebrado hoxe, 29 de setembro, os orzamentos xerais para o vindeiro 2018. “Converténdose así na primeira de España en facelo”, dixo o deputado popular Plácido Álvarez durante a súa quenda de intervención. Estes orzamentos, que ascenden a un total de 80.707.000 euros, foron aprobados só cos votos a favor do Partido Popular (14), fronte aos once votos en contra do resto dos grupos da oposición -PSdeG-PSOE, Democracia Ourensana e BNG-. Por outra banda, a emenda presentada polos grupos do PSOE e BNG, de establecer un “plan único” de reparto orzamentario. Unha protesta que estes dous grupos fixeron hai escasos catro días diante do Pazo Provincial. Esta emenda á totalidade foi rexeitada por 14 votos en contra (PP) e 11 a favor, xa que Democracia Ourensana mostrou o seu apoio ante devandita proposta.

Neste senso, o voceiro socialista, Francisco Fraga, asegurou que estes orzamentos “serven para manter unha estrutura mastodóntica” reiterando que este método de repartición dos cartos “corresponde a un método caduco” e asegurou que o método de reparto que eles propoñen “o utilizan as outras Deputacións galegas”. Fraga non deixou de repetir que o que falta é “vontade política” e cualificou estes orzamentos provinciais de “pouco útiles”. Pola súa banda, Ramiro Rodríguez, voceiro do BNG, fixo unha crítica ante a redución das partidas “á cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes”. Afirmou que o PP “votou que si a este reparto na Deputación de Lugo” reiterando que iso implica que “os concellos que se están despoboando non poderán vivir con infraestruturas do século XXI”.

Finalmente, o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, asegurou que estes orzamentos “son de ficción” e o que pretende “este presupuestador precoz” -referíndose ao presidente, Manuel Baltar- “é facer un paripé para logo facer modificacións de crédito”.

Ante estas declaracións, o voceiro popular, Plácido Álvarez, criticou que estes partidos “presentasen as emendas a dous días do pleno”. Neste senso, Álvarez asegurou que, de levarse a cabo este plan que propuxeron dende o PSdeG e BNG, “retiraría o seu apoio ao Inorde e o Instituto do Campo”. Na súa defensa da proposta orzamentaria municipal, este voceiro popular asegurou que cada concello “vai recibir unha media de 85.000 euros” e que o obxectivo da Deputación con estes orzamentos é “alcanzar a débeda cero” da entidade e dar estabilidade aos concellos.

Tamén nesta sesión aprobáronse os orzamentos para o INORDE, que ascenden a 1.936.714 euros e do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo conta Incendos e de Salvamento por valor de 4.168.028 euros.

Noutra orde de cousas, nesta sesión plenaria tamén se falou dos danos ocasionados polo pedrazo en agosto. Neste senso, aprobouse, por unanimidade, a realización dun estudo e seguimento do estado dos principais produtos cultivados na provincia e a incidencia que a treboada tivo na súa produción, a causa dos danos causados polo pedrazo. Esta moción tamén incluía un apartado para instar á Xunta, ao Ministerio de Agricultura e demais administracións, para que establezan as medidas e mecanismos necesarios, facendo campañas para concienciar sobre a necesidade da contratación dos seguros agrarios, así como solicitar da Xunta unha diferenciación clara polos feitos ocorridos nos últimos días, unha liña de axudas para paliar os danos ocasionados e solicitar a tramitación como Zona de Emerxencia das distintas areas afectadas.

Artigos relacionados

Back to top button