OurenseÚltima hora

O Pleno de Ourense aproba a rebaixa dun 10% do IBI no 2018

A moción foi aprobada polos 18 votos a favor do PP e Democracia Ourensana e os sete votos en contra do PSdeG-PSOE e Ourense en Común
Momento da votación do Pleno Extraordinario.

O Concello de Ourense aprobou hoxe, 21 de decembro, en Pleno Extraordinario, a rebaixa do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) nun 10% cos votos a favor do Partido Popular e Democracia Ourensana (18) e dos do Grupo Municipal Socialista e Ourense en Común en contra (7).

Esta reforma do IBI foi pactada o pasado mes de agosto por D.O. e PP. Isto sucedeu cando estes últimos, en vistas ás negativas dos outros grupos da oposición (PSdeG-PSOE e OUeC) a apoiar as modificacións de crédito necesarias para garantir os servizos sociais na cidade, tiveron contactos con Democracia Ourensana, que aceptou a cambio da rebaixa do 20% do IBI, que se traduce nun 10% no 2018 e o outro 10% no 2019. Un acordo que xa fora levado a pleno.

Pero, o grupo de Ourense en Común, con Martiño Xosé Vázquez como voceiro, presentou varias alegacións e, por este motivo, tivo que ser votada novamente en Pleno Extraordinario. Segundo a concelleira delegada de Facenda, Ana Morenza, “estamos aquí pola tocata e fuga de Ourense en Común”. Morenza lembrou que esta bonificación “vai supor un aforro de 3 millóns nos petos da cidadanía”.

A titular de Facenda asegurou que “foron vostedes -OUeC- os únicos que impediron o ano pasado a reforma do IBI”, que daquelas era unha rebaixa do 7%. Atendendo a estas verbas, Martiño Xosé Vázquez rebateulle asegurando que a rebaixa do IBI “era unha tolemia porque ía deixar a este concello sen recursos”. Vázquez Mato explicou que para a rebaixa do IBI “constituíuse unha comisión no primeiro semestre de 2017 para aprobar devandita reforma” e reiterou que Ourense en Común “estaba de acordo en reformala en base aos acordos da comisión”.

Para Ourense en Común eses acordos non se cumpriron porque “non hai bonificacións para a vivenda de protección oficial ou para as enerxías renovables”. E, por tanto, dende o seu grupo entenden que esta bonificación vai beneficiar “ao que máis ten, porque non é o mesmo o 20% de 100 que de 100.000”.

Pola súa banda, dende o PSdeG-PSOE, o seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, salientou que o seu voto ía ser en contra “por oportunismo político”. Barquero quixo dicir con isto que Ana Morenza “dixo que esa rebaixa do IBI ía supor un impacto nas arcas municipais de tres millóns de euros que repercutirían en recortes en certas áreas”. O voceiro socialista escudouse que “non hai informes técnicos” que respalden o que di a concelleira delegada de Facenda.

“Vostedes plantexan unha reforma fiscal que visible impacto, a tenor das súas declaracións, nas arcas do concello, sen coñecer ese impacto”, dixo Barquero, que cualificou este procedemento como “unha chapuza admisnistrativa”. A isto, a concelleira rebateulle explicando que si hai informes, “concretamente tres”. E explicou que o que ela dixo é que “a baixada de impostos tiña que ser progresiva porque, a rebaixa do 20% nun ano era inviable”.

Gonzalo Pérez Jácome arrancou a súa intervención asegurando que “Democracia Ourensana non é que pactase co PP, é que esixiu ao PP esa rebaixa do 10%”. Pérez Jácome dixo, referíndose ás verbas de Martiño Xosé Vázquez, que “o IBI rebaixase a todos por igual porque é un imposto indirecto nos que practicamente todo o mundo paga igual”.

 

Artigos relacionados

Back to top button