OurenseÚltima hora

O Pleno de Ourense declina a xestión pública da casa de acollida de mulleres

A moción foi presentada por Ourense en Común argumentando que “non é compatible coa lei” que a xestione unha órde relixiosa de monxas
Sesión plenaria de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

O Pleno Municipal de Ourense rexeitou na sesión ordinaria de hoxe, 1 de setembro, que o Concello asuma a xestión da Casa de Acollida de Mulleres vítimas de violencia machista. Esta proposta foi levada á cámara por Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común, que asegurou que o consistorio “debería facer un estudo para xestionar de xeito directo esa casa”, que actualmente está en mans dunha congregación relixiosa de monxas. Algo que, segundo asegurou Piñeiro, “non é compatible coa actual lei de Prevención de Violencia de Xénero”.

Para argumentar o a súa moción, Ledicia Piñeiro puxo como exemplo as casas de acollida da Coruña e Vigo. Pero a actual concelleira de Servizos Sociais, Sofía Godoy, lembroulle que a casa de Vigo “non está municipalizada, xa que é de titularidade autonómica”. A edil popular dixo que o seu grupo no apoiaría esta moción “dado que non se trata dunha proposta de mellora da eficiencia”. E defendeu na súa argumentación que o servizo que esta casa ofrece “é de primeirísima calidade” e animou a Ledicia Piñeiro a que visitase as instalacións.

Pola súa parte, o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, asegurou que esta moción “está pensada con aversión, porque a casa está rexentada por unha congregación relixiosa”. En concreto, polas irmás Adoratrices. Jácome incluso acusou a Ledicia Piñeiro de teres dobre moral “xa que vostede traballa para a Fundación Juan Soñador, unha fundación xestionada polos Salesianos, e logo quere que esta casa non a xestionen as monxas”. Ambos concelleiros mantiveron un intenso debate.

Pola súa banda, a concelleira Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, manifestou que é “unha mágoa” que esta proposta non saia adiante para que este servizo sexa de xestión municipal.

E, efectivamente, a moción foi rexeitada por 17 votos en contra (PP e DO) e por nove a favor (PSdeG-PSOE e OUeC).

Por outra banda, nesta mesma sesión plenaria aprobouse, por unanimidade da cámara, a petición de reclamar a mellora da sinalización da contorna termal de Ourense. Unha moción que foi presentada por Democracia Ourensana, concretamente por Roberto Castro, quen denunciou a presenza de lixo nas contornas termais así como “as dificultades para o aparcamento”.

Pola súa banda, o concelleiro de Termalismo, Jorge Pumar, asegurou que dende o Consistorio están a traballar xa na mellora desa sinalización: “colocáronse carteis informativos en colaboración coa Xunta de Galicia, a través dun proxecto que supón un investimento de preto de 90.000 euros”. Reiterou que se colocaron sinais á entrada da cidade e tamén comezouse un proceso de colocación de sinais polo casco urbano por un importe de 44.430 euros.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button