OurenseÚltima hora

O Pleno de Ourense viuse interrompido cinco minutos pola marcha de OUeC e PSdeG da sala

O primeiro en abandonar a sala foi o Martiño Xosé Vázquez e seguidamente foron os edís de Ourense en Común. Os socialistas fixerono minutos despois
O pleno continuou coa retirada das mocións dos grupos que non estaban. // Foto: Carlos Asensio.

A tensión cortábase con coitelo no Pleno Ordinario do Concello de Ourense de hoxe, 6 de outubro. Ourense en Común e o Grupo Municipal Socialista abandonaron a sala obrigando a suspender a sesión durante cinco minutos para unha xuntanza de portavoces.

O primeiro en abandonar a sala foi o voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, mentres estaban a debater a modificación do cadro de persoal eventual do Concello de Ourense. Mentres Martiño Vázquez estaba a expor os seus argumentos contra esta moción, un desafortunado comentario do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “deixa deixa que isto fai moita gracia” -dixo o rexedor- fixo detonar ao voceiro de Ourense en Común que abandonou de súpeto a sala. Foi o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, quen intentou que o seu compañeiro edil voltase de novo á Cámara Municipal, sen éxito.

Pero, mentres Jácome intentaba que Martiño Vázquez retornase ao seu posto, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de OUeC, Lecidia Piñeiro, mantiveron unha acalorada discusión na que ela lle recriminaba ao rexedor municipal que “non deixa falar e fai comentarios todo o tempo aproveitando que pode tomar a palabra cando quere no pleno”, afirmación á que Jesús Vázquez lle respondeu que “o que estaba a dicir era que se deixase falar ao señor Vázquez Mato, señora Ledicia”.

Tras Martiño X. Vázquez, foron os seus dous compañeiros de grupo, Ledicia Piñeiro e Miguel Doval, que agardaron a que se iniciase o debate do seguinte punto, para expresar a súa desconformidade. En concreto, foi Doval o que falou. Co barullo de papeis na man, ambos os dous edís abandonaron o Salón de Plenos cunha portada.

Pero a cousa non rematou aquí, xa que foi a quenda do voceiro do Grupo Municipal Socialista (PSdeG), José Ángel Vázquez Barquero, para debater o asunto da moción relativa á redución do IBI ao 10%. Barquero expuxo a súa postura ao respecto. Parecía que a paz volvera ao Salón Nobre do Concello de Ourense, pero foi na quenda do voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, onde a tensión volveuse sentir. Jácome chamou “sparring político” a Barquero -sparring é o nome que recibe o saco de boxeo- afirmación que non lle gustou nada ao grupo socialista que tamén colleu as súas cousas e marcharon en masa da sesión.

Toda esta situación levou a que o alcalde, Jesús Vázquez, suspendese a sesión durante cinco minutos para falar cos voceiros dos distintos grupos municipais en privado para poder rebaixar ese clima de tensión que se respiraba no Salón de Plenos. Nembargantes, o edil principal explicou que non se puido contactar con Martiño Xosé Vázquez e que Barquero “xa estaba fóra das instalacións municipais”, dixo Jesús Vázquez.

O pleno continuou só cos membros do grupo popular e de Democracia Ourensana, e se retiraron da orde do día as mocións que o Partido Socialista e Ourense en Común tiñan para presentar na sesión plenaria de hoxe.

Texto e vídeo: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button