OurenseSen categorizarÚltima hora

Poesía con selo internacional para adultos e escolares esta fin de semana

O VII Encontro Internacional de Poesía, que se celebrará do 7 ao 9, contará coa participación de cinco poetas chegados de Portugal, Arxentina, Colombia e Murcia
Dende a esquerda, Ramón Morgade, Jesús Vázquez, María Rosa González e Manuel Doval, esta mañá. // Foto: S.F.
Dende a esquerda, Ramón Morgade, Jesús Vázquez, María Rosa González e Manuel Doval, esta mañá. // Foto: S.F.

O Círculo Poético Ourensán inundará un ano máis a cidade das Burgas da mellor poesía coa sétima edición do Encontro Internacional de Poesía, que nesta ocasión se celebrará do 7 ao 9 de outubro. Poesía dirixida a adultos pero tamén a escolares da man de cinco poetas chegados de Portugal, Arxentina, Colombia e Murcia. A intención, segundo din os organizadores, é potenciar a través de recitais e charlas de escritores o coñecemento e a difusión da poesía e, por extensión de toda a literatura, entre os escolares. O programa deste ano tamén inclúe unha escpada ao veciño Concello do Carballiño, onde o domingo se celebrará un recital.

O programa, que conta coa colaboración da Deputación e do Concello de Ourense, comeza o venres día 7 coa recepción de poetas ás 9 horas. Logo, os participantes visitarán catro colexios da cidade, onde manterán un encontro co alumnado. Pola tarde, ás 20 horas, o pub Jam Session acollerá un concerto-recital que contará coa actuación musical de Gabri Fernández.

O sábado haberá unha concentración de poetas participantes que iniciarán arredor das 10:30 horas un roteiro “poético” con saída do Parque de San Lázaro e chegada ao Liceo. Durante o percorrido, poñerase en valor determinados momentos da vida de escritores de recoñecido prestixio da cidade de Ourense. Ás 13 horas, o Liceo acollerá un concerto-recital no Patio de Columnas.

Xa pola tarde, levarase a cabo a Gala Círculo Poético Ourensán no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Neste marco tamén se procederá á entrega dos premios do V Concurso de Poesía para Alumnos de Primaria e ESO da Cidade de Ourense, así como os galardóns especiais Círculo Poético Ourensán, que este ano recoñecen o labor do CEIP Prácticas, da xornalista María Luisa Campos e do cantautor Emilio Rúa, todos eles pola promoción e difusión da cultura nos seus respectivos eidos.

O domingo será día de peche. Os actos trasladaranse ao Carballiño e alí ás 13 horas, celebrarase un recital. O Encontro pecharase ás 18 horas coa entrega de obsequios aos participantes.

Na presentación da programación estivo o presidente do Círculo Poético Ourensán, organizador da iniciativa, Ramón Morgade, a poeta María Rosa González, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o deputado de Cultura da Deputación, Manuel Doval.

Artigos relacionados

Back to top button