ConcellosÚltima hora

Pola “Ruta Termal e da Auga Verín-Chaves-Vidago”

Verín acollía a presentación da guía deste percorrido e tamén un traxecto inaugural polo mesmo
Inauguración da ECOVIA fluvial do Támega./ Foto: Alberte Paz.
Inauguración da ECOVIA fluvial do Támega./ Foto: Alberte Paz.

Artellar un percorrido que conecte o patrimonio balneario de Verín co de Chaves e Vidago, unindo as principais fontes, balnearios e termas deste territorio transfronteirizo. Con esta pretensión xurde a Guía Turística “Ruta Termal e da Auga da Eurocidade Chaves-Verín”, que vén de presentarse na mañá do 17 de xullo en Verín nun acto que corría a cargo da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Este traxecto, que conforma unha ruta global dentro dos límites xeográficos desta Eurorrexión, combina as rutas urbanas circulares dos dous municipios cunha ruta cicloturística que bordea parte da canle do río Támega, sen esquecer a Ruta Urbana da Auga en Verín que conecta os catro mananciais de augas mineromedicinais do municipio (Cabreiroá, Sousas, Fontenova e Fonte do Sapo). “A aposta conxunta neste proxecto polo turismo de saúde e benestar materialízase na posta en marcha de accións colaborativas como a edición desta guía e do folleto explicativo da ruta”, sinalaba Castro.

Editaranse 10.000 exemplares desta guía que estarán dispoñibles para o público nas Oficinas de Turismo de Xunta de Galicia, nas oficinas turísticas de Verín e Chaves, así como nas oficinas de información turística que Turismo Porto e Norte ten nas principais cidades do norte de Portugal.

Nava Castro aludía tamén ao Plan de turismo termal para a provincia de Ourense, que se inserta no Plan Integral de Turismo e cuxo obxectivo é poñer en valor turístico os recursos culturais e naturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de modo que conduzan á creación do destino Ourense Provincia Termal.

A clausura deste acto corría a cargo do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, quen incidía na importancia da cooperación entre as diferentes administración públicas e, neste caso, a colaboración internacional tamén coas institucións de Portugal, o que supón “a oportunidade unir sinerxias para favorecer a competitividade e a economía da eurorrexión, da que á provincia de Ourense é o punto central xeoestratéxico”.

De seguido, procedíase á inauguración do primeiro tramo da Ecovía Fluvial do Támega, realizando un percorrido a pé. No acto participaron tamén, entre outras autoridades, os alcaldes de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán; e de Chaves, Antonio Cândido Monteiro Cabeleira.

Esta actuación enmárcase no proxecto Eurorrexión Termal e da Auga, aprobado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co financiamento FEDER). No proxecto participa a Eurocidade Chaves-Verín Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT-ECV), Axencia de Turismo de Galicia, Deputación de Ourense, Turismo Porto e Norte de Portugal e a Asociación das Termas de Portugal.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button