OurenseSen categorizarÚltima hora

A Policía Local de Ourense reestrutura as quendas “para reforzar as horas máis conflitivas”

O Sindicato de Policías manifestou o seu desacordo ante esta medida que reduce a 4 as patrullas nocturnas
Exterior da comisaría de Policía Local de Ourense.

O Concello de Ourense vén de facer unha reforma nas quendas de traballo da Policía Local, composta por 113 funcionarios -12 mandos e 100 policías- para así reforzar “as horas con máis incidencias”. Segundo o un informe do que deu conta a Concellería de Seguridade Cidadá, os axentes traballarán agora “en quendas rotatorias” para garantir, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “os mellores tempos de descanso entre xornadas, evitando a concertación de traballo nun espazo temporal máis curto”.

Asemade, en palabras do rexedor, a reestruturación lévase a cabo xa que “estabamos a ter máis axentes nas quendas de noite que de mañá, cando o maior número de chamadas por alertas dábanse nas quendas de mañá e tarde”. Asemade eliminarán o “Turno Africano”, de Atestados, Tráfico e motoristas “atendendo a unha moción aprobada no Pleno”, informou o rexedor municipal.

Así, esta reestruturación reduciría a catro as patrullas nocturnas, tanto pola semana coma nas fins de semana. Jesús Vázquez asegurou que “son as mesmas que Santiago, que conta con 140 policías, fronte aos 110 de Ourense”. O rexedor tamén comparou o ratio con Vigo “que cunha cadro de 330 axentes e sendo unha cidade con características moi diferentes á nosa, ten de 8 a 10 patrullas nocturnas”. Vázquez dixo así que Ourense tiña un ratio maior de axentes en comparación ás outras cidades.

En cambio, o Sindicato Provincial de Policías Municipais, manifestaron o seu desacordo ante esta modificación de quendas. Xoán Carlos Bouso, voceiro deste sindicato en Ourense, explicou que esta reducción de patrullas nocturnas suporá, entre outras cousas, “o abandono da zona rural e haberá risco de queo botellón  volva novamente, á praza das Mercedes, por exemplo”. Asemade asegurou que “entendemos ata certo punto que o alcalde non o teña excesivamente claro porque é economista e o concelleiro é sanitario e eles baséanse nos informes técnicos” pero animou ao goberno municipal a que lles escoiten “porque os mellores profesionais somos os axentes que estamos a pé de rúa e a que tivemos que estudar dereito policial”.

Artigos relacionados

Back to top button