OurenseÚltima hora

A Policía Nacional de Ourense celebra o día dos Anxos Custodios

O acto arrancou cunha misa na Catedral de Ourense para logo seguir co acto institucional no Liceo
Foto das autoridades á saída da Catedral.// Foto: Carlos Asensio.

A Policía Nacional celebrou hoxe, 2 de outubro, o día dos Anxos Custodios, patróns do corpo. A xornada arrancou cunha misa na Catedral de Ourense, na que os axentes, acompañados polas autoridades civís e locais, escoitaron a homilía do Bispo de Ourense, Leonardo Lemos. Unha homilía na que estivo presente o desafío nacionalista de Cataluña e na que Lemos loou a actuación “destes homes e mulleres que vivides deste traballo de fidelidade á sociedade”.

Tras o acto relixioso, axentes e autoridades foron até o Liceo de Ourense para o acto institucional de entrega de condecoracións, medallas e recoñecementos tanto a policías coma civís. Primeiro entregáronse as medallas ao mérito policial aos axentes da Policía Nacional, en total foron catorce. Tras iso, entregouse tamén a medalla ao mérito policial a outros membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Seguidamente, foi a quenda da medalla á dedicación, que recoñecía a traxectoria de 20, 25, 30 e 35 anos de bo servizo no Corpo da Policía Nacional. Finalmente, entregáronse os diplomas á Colaboración Cidadá.

O acto institucional celebrouse no Liceo.// Foto: Carlos Asensio.

As intervencións do subdelegado do Goberno, Roberto Castro, e do comisario xefe de Ourense, Antonio Álvarez, así como a galería de fotos do acto na seguinte ligazón:

Antonio Álvarez: “Ourense é a capital onde os seus cidadáns gozan dunha maior seguridade”

 

Artigos relacionados

Back to top button