ConcellosÚltima hora

Ponse en marcha a 35º MIT de Ribadavia

O seu acto inaugural tiña lugar na tarde de onte, venres 19 de xullo, ás 20:00 horas na Igrexa da Madalena

A Igrexa da Madalena acollía na tarde de onte, 19 de xullo, a inauguración da trixésimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. Tiña lugar ás 20:00 horas e o seu director Roberto Pascual, foi o encargado do discurso de apertura. “Hai xusto xa 10 anos comezaba unha aventura. Un reto, un compromiso, pero tamén unha aventura. E como toda aventura, houbo moitas emocións, moitos tipos de personaxes, diversos e ricos episodios. Unha aventura que non remata e á que lle quedarán aínda moitas sorpresas que o público está desexando ver e coñecer, ás veces facendo kilómetros e en moitos casos ás portas case do seu fogar”, comezaba Pascual.

 

Durante a inauguración.

 

Nesta inauguración tamén houbo presenza institucional, xa que acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar;  o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e por suposto, o alcalde de Ribadavia, César Fernández.

O presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a MIT  “é un excelente vehículo de promoción do teatro galego contemporáneo”, mentres que Baltar afirmou que “o teatro é xesto, escenografía, son, guion e discurso, unha arte á altura desta vila e desta provincia de Ourense.”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia destacou que o día de onte era “un gran día para Ribadavia, unha terra na que conflúen riqueza patrimonial, histórica e natural, e tamén a viticultura e o termalismo”.

No día de onte, tamén se inaugurou o Museo do Viño, situado na reitoral de Santo André de Camporredondo (Ribadavia)

Día de inauguracións en Ribadavia, xa que onte tamén se inauguraba o Museo do Viño, situado na reitoral de Santo André de Camporredondo. A este acto tamén acudiron as autoridades, Alberto Núñez Feijóo, Manuel Baltar e César Fernández. Ademais, estiveron presentes os responsables doutras denominacións galegas.

 

Brindis na inauguración do Museo do Viño.

Texto: Alba Prada

Artigos relacionados

Back to top button
Close