EconomíaEconomíaViticultura

Ponse en marcha a campaña “Ribeira Sacra no Nadal”

 

Coa vista posta na celebración nas vindeiras datas festivas, dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra vén de lanzarse nas redes sociais a campaña “Ribeira Sacra no Nadal” co fin de “convidar aos nosos seguidores a agasallar con Ribeira Sacra no Nadal”.

Un voo en globo sobre os bancais de viñedos, unha noite nunha pequena casa rural, un menú degustación maridado con viño da D.O. Ribeira Sacra, unha ruta fluvial con degustación a bordo, unha visita guiada, un baño de bosque, unha experiencia mindfulness con cabalos, un roteiro guiado de montaña… Son algunhas das posibilidades que ofrece este destino turístico para os que busquen un agasallo “especial para compensar aos teus por un ano duro cando a normalidade regrese ás nosas vidas”, segundo o consorcio.

Dende este organismo destacan que as “experiencias turísticas son un presente cada vez máis habitual en calquera celebración do ano e, se esa experiencia se desenvolve nun espazo que reúne todos os requisitos para compensar o ano tan fatídico que levamos, semella ser o agasallo ideal”.

Ribeira Sacra ten sido un dos xeodestinos galegos con mellores cifras de ocupación durante a tempada de verán e apuntaba a acadar moi bos números en outono “ata que chegaron os peches perimetrais. A oferta de servizos e recursos parece estar feita á medida dos intereses máis actuais da demanda turística que prioriza os entornos rurais e naturais, ben posicionados e con baixa incidencia de Covid. E se a iso lle engadimos a súa condición de dobre candidatura ante a Unesco para o 2021, a proposta faise aínda máis interesante”, indican dende o consorcio.

Paralelamente, dende esta entidade ofrécese “aos xestores das empresas turísticas a posibilidade de axudarlles na maquetación das tarxetas ou bonos-agasallo se non contan con eles. Tamén nos ofrecemos a asesoralos na composición dos mesmos e dirixímolos ás axencias de viaxe receptivo que habitualmente traballan na zonas se queren vender os seus servizos combinados cos doutras empresas”.

Máis información:
https://turismo.ribeirasacra.org/gl/novas/regala-ribeira-sacra

Artigos relacionados

Back to top button