EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ponse en marcha a campaña “Se queres un Ribeira Sacra pídeo”

As adegas desta D.O. apostan por comercializar os seus viños a través das súas webs ou do comercio electrónico

Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

Os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra están sendo “os viños galegos que máis se venden nos supermercados, pero a incertidume chega coas limitacións no sector da hostalaría, o tempo no que bares e restaurantes permanecerán pechados; e como se fará a súa reapertura”, sinalan dende o seu consello regulador.

Neste contexto, as adegas da Ribeira Sacra apostan por comercializar o seu produto a través da súa páxina web ou ben por comercio electrónico, e mesmo hai algunhas que realizan envíos por pedidos telefónicos ou de correo electrónico. Nese senso, veñen de lanzar a campaña “Se queres un Ribeira Sacra pídeo”.

Dende o CRDO Ribeira Sacra indican que na súa web aparecen as adegas clasificadas por subzonas e incluíndo os seus contactos e disponse dun buscador que “levaría ao visitante á adega escollida, para dende alí poder coñecer como solicitar ese viño. Consumir nestes momentos, máis que nunca, os nosos propios produtos é fundamental, por iso dende o C.R.D.O.R.S. facemos un chamamento ao consumidor a que aposte polos viños galegos con D.O., sectores próximos que debemos apoiar entre todos para que repercuta no ben de todos”, destacan dende  D.O. Ribeira Sacra.

Ademais este consello regulador matiza que, “xa que non todas as adegas dispoñen de moitos servizos online e si teñen interese en poder chegar ao cliente, dende o C.R.D.O.R.S. dámoslles a oportunidade de que nos comuniquen ese interese para centralizalas a todas dende a web oficial”.

Dende este órgano réctor lémbrase que continúa desenvolvéndose o traballo nas viñas conforme ás directrices sanitarias e o traballo técnico do Consello Regulador desenvólvese segundo os protocolos establecidos.

Tamén se apunta que a crise sanitaria provocada polo COVID-19 causou unha parálisis económica e de mercados á que ningún sector é alleo. E, neste senso, o RDO Ribeira Sacra considera que hai “dous elementos nesta situación que non perxudican a estes vinos como a outros sectores e produtos: que o viño non sexa un produto estacional e a porcentaxe de produción que se dedica a exportación”.

Máis información:
https://ribeirasacra.org/portada.php

Artigos relacionados

Back to top button