Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Ponse en marcha en catro centros de saúde valdeorreses o programa formativo Redcasa

Funcionará nos centros de saúde da Rúa, Larouco, O Bolo e Petín e permitirá adaptar a formación do persoal médico e de enfermería ao seu entorno real de traballo, con técnicas de simulación avanzada

O persoal sanitario dos centros de Atención Primaria de O Bolo, Petín, Larouco e A Rúa participaban esta mañá nunha novidosa iniciativa, que permite actualizar e adaptar súa formación, na atención á emerxencia, ao seu entorno real de traballo, con técnicas de simulación avanzada.

Trátatase do novidoso programa formativo REDCASA (Rede de Capacitación Sanitaria), promovido e organizado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) do Servizo Galego de Saúde, que lles permitirá “gañar seguridade no manexo de situacións urxentes que, aínda que non son as habituais do seu ámbito de traballo, se producen periódicamente, axudando a crear dinámicas de traballo en equipo, mellor coñecemento do equipamento do que dispoñen nos seus centros, dos circuítos de alerta e emerxencia e actualizar súa formación práctica na parada cardiorespiratoria e as manobras Resucitación Cardiopulmonar Avanzada”, segundo se indica dende o Sergas.

En datas anteriores, o curso celebrouse tamén nos servizos de urxencias de A Gudiña, Viana do Bolo e Castro Caldelas, coa participación tamén do persoal de A Mezquita, Riós, Vilariño de Conso, A Veiga, Trives, Manzaneda, A Teixeira, Parada de Sil, Chandrexa de Queixa, Montederramo e San Xoan de Río. O vindeiro xoves será o día elexido para realizalo en Rubiá, tamén co persoal dos centros de Vilamartín e Carballeda de Valdeorras.

A Xerencia de Xestión Integrada do Ourense, ten previsto programar esta actividade, nesta súa primeira edición, para chegar ao 30% do persoal sanitario dos Servizos de Atención Primaria da provincia, co obxectivo de, en sucesivas edicións, ofrecelo á totalidade de profesionais, coa meta de establecelo como unha acción formativa continuada.

REDCASA céntrase así, neste primeiro ano de implantación, no colectivo de profesionais de primaria, que en moitas ocasións exercen súa profesión de forma illada e, ás veces, lonxe dos centros de referencia para a atención a emerxencia. Precisamente, a maioría das mortes evitables débense a enfermidades coronarias e ocorren no medio extrahospitalario, estimándose que a parada cardíaca súbita é a responsable de máis do 60% das mortes de adultos por enfermidade cardíaca.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button