SanidadeÚltima hora

Ponse en marcha en Galicia un proxecto pioneiro para garantir “áreas libres de virus circulante”

Aplica a técnica "pooling", que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando a capacidade de avaliación actual

Presentación do proxecto que se porá en marcha na Área Sanitaria de Vigo contando coa participación da Universidade./ Foto: Uvigo.

 

Garantir áreas libres de virus circulante. É o obxectivo dun proxecto pioneiro que vén de poñer en marcha a Área Sanitaria de Vigo. Trátase dun “sistema para vixiar e controlar a circulación do coronavirus en áreas estratéxicas, ampliando a capacidade diagnostica da COVID-19 a través do procesamento agrupado de mostras PCR diferentes. Esta técnica, coñecida como pooling, que xa foi probada con éxito no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando a capacidade de avaliación actual”, tal e como explican os seus promotores.

Esta iniciativa presentábase na mañá deste luns 11 de maio nun acto no que participaba o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña e xefe do servizo de Microbioloxía, Benito Regueiro. O proxecto conta así mesmo coa colaboración da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e da Fundación Amancio Ortega, que o financiou coa doazón dun equipamento robotizado para procesar as mostras, cun investimento de 175.000 euros.

Por parte da Universidade de Vigo está implicado o investigador Jacobo Porteiro, do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, que explica que a idea partiu dunha publicación en redes sociais sobre un estudo dunha universidade alemá que comeza a traballar con esta técnica de pooling, xa empregada, por exemplo, durante a II Guerra Mundial para detectar casos de sífilis.

García Comesaña e Regueiro comentaban na súa comparecencia que esta metodoloxía resultará de “grande eficacia para testar con grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores de residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais”. Avanzaron que o estudo preliminar realizado con mostras agrupadas de máis de 8000 persoas, obtivo resultados moi satisfactorios que serán publicados proximamente nunha revista científica.

A técnica pooling permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando a capacidade de avaliación actual.  “Consiste en agrupar as mostras de diferentes persoas e procesalas xuntas, como se fosen as de un só individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, se infire que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se habería aforrado o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais. Polo tanto, este sistema resulta de grande utilidade e eficiencia nas contornas con maior probabilidade de que os resultados sexan negativos, como sucede na actual fase de desescalada”, indicaba o doutor Regueiro.

En cambio, se o resultado global é positivo, tense que separar as mostras para volvelas a procesar, ou ben dividindo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.

No servizo de Microbioloxía da Área Sanitaria de Vigo procésanse cada día unhas 1400 probas, utilizando distintos equipos, con distintas capacidades e velocidades de resposta. Así, lévanse realizadas máis de 45.000 PCR, entre elas a maioría das tomadas nas residencias socio-sanitarias da comunidade galega.

 

Foto: Uvigo.

 

Segundo explicou Benito Regueiro, “os sistemas de testado por grupos foron utilizados por primeira vez no exército americano para o diagnóstico da sífilis; e este agrupamento de mostras para RT-PCR xa ten demostrado a súa efectividade en estudos de cribado de VIH, Chlamydia, Malaria, Influenza etc. No momento actual tamén tense planteado a utilización de grandes pools de mostras para a detección de COVID-19 en Nebraska (USA) e Israel”.

García Comesaña incidiu en que o obxecto final da aplicación desta técnica de agrupamento é, “ademais de permitirnos identificar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade, garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante e dispoñer de sensibilidade e capacidade analítica para unha detección precoz da infección emerxente nestas zonas”.

E resumiu en dous os obxectivos principais do proxecto: “identificar individuos infectados en poboacións sas –permite a detección de portadores asintomáticos de forma rápida e económica- e clasificar ás poboacións segundo a súa prevalencia -de baixa (1%) ou elevada prevalencia (5%)-. Polo tanto, esta clasificación facilitará obter uns datos reais fundamentais para adoptar as medidas adecuadas de Saúde pública nos clústeres con elevado índice de contaxios. Resultará de grande eficacia para testar a grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais”.

 

Artigos relacionados

Back to top button