En portadaÚltima hora

Ponse en marcha en Parada de Sil o primeiro Pacto pola Paisaxe, que une Ourense e Lugo

Trátase dun dos dez proxectos que se inclúen no Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que ten por obxectivo protexer o patrimonio natural, pero tamén facer dos espazos naturais lugares máis sostibles e compatibilizar o seu uso e a súa conservación

Sinatura do Pacto pola Paisaxe en Parada de Sil.

 

O primeiro Pacto pola Paisaxe que une Ourense e Lugo, as dúas provincias interiores de Galicia, vén de dar o paso definitivo coa sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A finalidade principal deste pacto é “protexer, xestionar e ordenar a paisaxe que conforman os 21 concellos que se integran nesta área paisaxística”, segundo destaca a Xunta.

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá no exterior do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil a sinatura do convenio de colaboración polo que se impulsarán accións para velar polos valores naturais e patrimoniais desta área de interese paisaxístico, que resulta da fusión de dúas: a do Canón do Sil e do Canón do Miño. Este convenio implica un orzamento de 550.000 euros, que serán achegados pola Xunta de Galicia na súa totalidade.

O Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra -o segundo que se firma en Galicia, despois do de Cerdedo-Cotobade- recolle unha serie de actuacións iniciais, como a realización de murais e esgrafiados, a delimitación de itinerarios de interese paisaxístico, a organización de eventos culturais e de ocio, así como a organización dunha mostra itinerante sobre esta zona que percorrerá toda Galicia.

Tal e como explicou a conselleira, este Pacto pola Paisaxe é un dos dez proxectos que integran o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que puxo en marcha o departamento que dirixe e que está dotado cun orzamento de 3,5 millóns de euros, e que representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico beneficiando a un total de 30 concellos.

 

Outro dos momentos do acto.

 

A conselleira destacou que algúns dos proxectos están xa materializados, como a unificación das dúas áreas de especial interese paisaxístico nunha, a declaración da Área Integral da Ribeira Sacra e a convocatoria de axudas para a financiación de accións en materia de rehabilitación, e a recuperación dos espazos públicos grazas aos investimentos a cargo do Plan hUrbe, cun total de oito actuacións en senllos concellos desta zona e que suman un importe de 650.000 euros. Tamén, no eido da ordenación, salientou o Plan de Ordenación do Medio Físico para San Fiz de Asma, no Concello de Chantada.

O plan estratéxico tamén inclúe medidas para dar a coñecer o patrimonio natural que atesoura a Ribeira Sacra, polo que se traballa na posta en marcha da iniciativa Árbores con historia, unha nova ruta específica para esta zona que seguirá o esquema das tres rutas xa existentes (Santiago-Rías Baixas, Ourense Occidental e Ourense Oriental), co fin de divulgar os elementos incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que se localizan na futura Reserva da Biosfera.

Por último, a conselleira destacou que Galicia atesoura paisaxes espectaculares e únicas, que na Ribeira Sacra se concentran nos incomparables canóns dos ríos Miño e Sil e que son un auténtico reclamo para o turismo sostible con capacidade de xerar emprego e riqueza, un aspecto clave no desenvolvemento económico de poboación local.

Artigos relacionados

Back to top button