SanidadeÚltima hora

Ponse en marcha o Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria

Está estruturado en varias fases que se desenvolverán "dun xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño (a fase 1 comprende do 4 ao 17 de maio; a fase 2 do 18 ao 30 de maio; a fase 3 do 1 ao 14 de xuño; e a fase 4 do 15 de xuño en diante)", segundo Feijóo

Exterior do Centro de Saúde do Barco.

 

A Atención Primaria xogará un papel “moi relevante na detección precoz de novos casos de coronavirus e na paulatina volta á normalidade”. Así o aseguraba na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves o presidente do goberno galego Alberto Núñez Feijóo.

Na súa intervención referíuse á posta en marcha do Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria, que está estruturado en varias fases que se desenvolverán “dun xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño (a fase 1 comprende do 4 ao 17 de maio; a fase 2 do 18 ao 30 de maio; a fase 3 do 1 ao 14 de xuño; e a fase 4 do 15 de xuño en diante)”.

Entre as medidas principais, Feijóo sinalou que, “ante unha infección respiratoria aguda, os médicos de familia poderán solicitar a realización das PCR, precisando que ata o de agora xa podían dentro das limitacións do protocolo do Ministerio, pero agora poderán pedir inmediatamente unha PCR e deberá ter resposta nun prazo de entre 24 e 48 horas. Así mesmo, potenciarase a atención telefónica, a citación espallada de pacientes para evitar aglomeracións, o impulso da atención domiciliaria e o teleseguemento, e a limitación no acceso de persoas aos centros de saúde, cuxo aforo, continuará a verse limitado por motivos de seguridade”.

No eido da prevención dos riscos laborais, os centros de saúde “estarán dotados do material necesario para a protección individual dos traballadores e contarán cunhas Epis proporcionais e axeitadas aos riscos aos que se deban expoñer os profesionais do centro. E darase continuidade ás actividades formativas e informativas dirixidas ao persoal sanitario e non sanitario dos centros, ademais de intensificarse as tarefas de limpeza e desinfección, tanto das estancias como dos equipos de traballo”, segundo a Xunta.

Feijóo destacou que se trata dun plan “flexible que se irá adaptando ás circunstancias”, precisando que, segundo avancen as súas fases, “o persoal sanitario irá recuperando as actividades suspendidas polo xurdimento da pandemia”.

Circuítos de atención diferenciados

A cada servizo de Atención Primaria corresponderalle a reorganización das axendas profesionais en función das necesidades, prestando especial atención aos pacientes máis máis vulnerables. Para evitar a propagación do coronavirus, “cada centro sanitario procurará contar con dous circuítos diferenciados: un destinados aos pacientes covid e outro para o resto de doenzas. Non obstante, se as dimensións dos centros sanitarios non permitisen esta diferenciación, valorarase a posibilidade de atender comarcalmente aos pacientes con sintomatoloxía covid”, tal e como se adianta dende a Xunta.

Segundo o goberno galego, o plan inclúe, entre outras medidas, apuntamentos que abordarán dun xeito específico as especialidades sanitarias como son: a atención pediátrica, que manterá un circuíto diferenciado; a atención obstétrica, cuxas consultas prenatais e puerperais serán realizadas preferiblemente de xeito telefónico; as unidades de saúde bucodental, que precisan equipos de protección individual integrais; as unidades de fisioterapia, que recuperarán a súa actividade seguindo criterios de prioridade patolóxica e menor risco de contaxio; as unidades de atención farmacéutica, que mesturarán a atención telefónica e presencial; e as unidades de atención de traballo social sanitario, que se centrarán na detección proactiva de pacientes en situación de risco e exclusión social.

O presidente da Xunta concluíu apuntando que o plan de reactivación asistencial procurará impulsar a detección precoz de novos casos en atención primaria. Así mesmo, e para levalo a cabo, pediu a colaboración dos pacientes e agradeceu o labor do persoal sanitario e non sanitario que traballa nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.

 

Artigos relacionados

Back to top button