Sensibilizar sobre sinistralidade laboral ou en estrada do tractor na provincia de Ourense. Ese é o obxectivo da campaña de prevención, promovida pola Subdelegación do Goberno en Ourense e pola Xunta, que se presentaba na mañá do 19 de xuño na cidade das Burgas. Esta campaña informativa e formativa comezaba o pasado 9 de xuño (día da súa presentación na Coruña) e esténdese ao longo de xuño de 2015 por ser un mes onde se interfire menos nas actividades agrarias pero onde é xa habitual a circulación destes vehículos. A ITV, seguro, tenza de permiso de conducir en vigor e o despregamento en todo caso dos arcos de seguridade se o tractor os leva instalados son aspectos clave a mellorar dende o punto de vista de Tráfico.
A presentación da campaña contaba coa presenza de David Llorente, xefe provincial de Tráfico; Juan Carlos Nogueiras, alférez-xefe do Destacamento de Tráfico de Verín; Fernando González, subdirector aeral do ISSGA, e de Tomás Paz, xefe territorial da Consellería de Industria en Ourense.
O subdelegado do Goberno destacaba na presentación os riscos que, para os condutores de tractor, representa o desprazamento destes vehículos polos camiños rurais e fincas, con importantes desniveis. Asemade, aproveitaba para facer unha chamada á prudencia, no manexo de tractores.
Ourense posúe 49.000 tractores, cunha antigüidade media de 28,7 anos, dos 403.000 que o Rexistro de vehículos da DXT ten contabilizados en Galicia; a comunidade de España co maior número absoluto deste tipo de vehículos. “Son precisamente os tractores máis antigos os que pola súa data de matriculación carecen de estrutura de auto-protección (cabina equipada con cinto de seguridade) e de arcos de seguridade, o que provoca lesións moi graves ou a morte ao condutor/a atrapado/a en caso de xiro do vehículo. A altura do centro de gravidade, os desniveis no terreo – gabias, fochas – e o deficiente estado de conservación e mantemento destes vehículos provocan numerosos xiros de tractores todos os anos”, segundo se informa dende a Subdelegación.