EconomíaEconomíaÚltima hora

Ponse en marcha unha campaña para previr os riscos no manexo do tractor

Levarase a cabo principalmente no rural galego e está dirixida non só á poboación traballadora senón tamén ao resto de cidadáns que utilizan o tractor para desenvolver actividades no ámbito familia

 

Presentación da campaña de riscos no tractor, en Santiago.

Concienciar e reducir a sinistralidade no uso do tractor, especialmente no eido rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas. Este é o obxectivo da campaña que se porá en marcha nos vindeiros días e que xurde froito da colaboración das administracións públicas. Estará presente en 208 concellos galegos. Deste xeito, repartiranse por toda Galicia 18.000 fichas informativas e 5000 carteis con información sobre as causas máis recorrentes dos sinistros e as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.

Xirará en torno a tres eixos principais: alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros; informar de cales son as causas máis habituais; e achegar as recomendacións básicas, que de terse sempre en conta, evitarían os accidentes ou, polo menos, minimizarían as súas consecuencias.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presentaban na mañá do 13 de novembro en Santiago esta iniciativa coa que, polo tanto, se busca reducir a sinistralidade neste eido achegando as recomendacións necesarias para evitar accidentes. Na presentación tamén participaron a directora do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja; a xefa provincial de Tráfico na Coruña, Victoria Gómez; e o tenente coronel xefe do sector de Tráfico de Galicia da Garda Civil, Francisco Javier Molano.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, distribuirá este material en 138 localidades a través de diversos puntos: concellos, centros de saúde e sociais, farmacias, comercios de maquinaria agrícola, puntos de venda de material e produtos agrícolas, colexios e institutos, cafeterías e bares, clínicas veterinarias e cooperativas agrarias e gandeiras.

Así mesmo, facilitará a información á Consellería do Medio Rural para a súa distribución nas oficinas agrarias comarcais e nas unidades tramitadoras do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA). Mentres que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta colaborará no reparto a 70 concellos que teñen agrupacións de voluntarios de protección civil. O ISSGA tamén facilitará 7500 trípticos informativos á Garda Civil de Tráfico para o seu reparto en controis en vía pública en toda a Comunidade. A documentación tamén difundirase a través da páxina web do ISSGA (issga.xunta.gal) e das súas redes sociais (twitter e facebook).

Na documentación recóllese información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos neste eido: a seguridade viaria, a protección de toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

A campaña vai dirixida non só á poboación traballadora senón tamén ao resto da cidadanía que utiliza o tractor en actividades no ámbito familiar. Neste senso, Toca explicou que a maior parte dos accidentes en tractor non son laborais: dos 18 sinistros mortais rexistrados ata outubro de 2018 ningún tivo lugar no ámbito do traballo. A gran maioría destes sinistros, en palabras da secretaria xeral, prodúcense entre persoas maiores de 65 anos, sendo as principais causas as envorcaduras, atrapamentos e accidentes de circulación. Así mesmo, a iniciativa vai destinada á poboación máis nova co obxectivo de que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor.

 

Artigos relacionados

Back to top button