OurenseÚltima hora

A Ponte é o barrio elixido para unha experiencia piloto de calefacción xeotérmica

O Minsiterio de Energía, Turismo y Agenda Digital e o Concello asinaron un acordo para buscar financiamento e levar a cabo o proxecto para posicionar á cidade como potencia en xeotermia

Ourense dá un paso máis en enerxía xeotérmica. Hoxe, 19 de abril, o Ministro de Energía, Turismo y Agenda Digital, Álvaro Nadal, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asinaron un acordo de colaboración “para situar a Ourense na primeira liña da revolución industrial do século XXI en materia de aproveitamento enerxético e sostible”, apuntou Nadal tras a sinatura.

Segundo explicaron ambos responsables políticos, este acordo servirá para que, a través do Instituto Para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio, leve a cabo experiencias piloto que “posicionarán a Ourense como cidade cun altísimo potencial enerxético”, asegurou o Ministro, En tanto ás experiencias piloto, o responsable da carteira de Energía, Turismo y Agenda Digital explicou que levaranse a cabo diversas análises para logo aplicar a calefacción de distrito ou “district heating”, é dicir, a distribución desa enerxía xeotérmica por un distrito concreto da cidade. Esta “experiencia piloto” comezaría na zona da Ponte e “a partir de aí poderase facer un proxecto de aproveitamento de enerxía xeotérmica”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, lembrou que este é un paso mais neste camiño do aproveitamento xeotérmico: “en agosto de 2016 anunciamos que o Concello acababa de presentar o proxecto GEOAtlantic á primeira convocatoria do Programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020, e xa daquela contabamos co visto bo do IDAE, que nos puxo en contacto con outras cidades e organismos para buscar aliados neste proxecto que busca aproveitar as posibilidades de desenvolvemento da enerxía xeotérmica”. O rexedor municipal apuntou a importancia deste acordo “xa que con el poderemos buscar, ambas administracións, fontes financeiras nos distintos ámbitos institucionais para viabilizar a execución dos proxectos piloto”.

En conclusión, este acordo permitirá, segundo apuntan dende o Concello de Ourense, mellorar a difusión e sensibilización social do potencial e vantaxes deste tipo de enerxía e identificar as entidades (públicas ou privadas) que poidan colaborar no seu desenvolvemento.

Tras a sinatura do acordo, o Ministro asinou no libro de visitas do Concello de Ourense e reuníuse cos diferentes membros da Corporación Municipal no Salón de Plenos. Posteriormente, visitou a cidade das Burgas acompañado polo alcalde, Jesús Vázquez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; a xefa territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Máis información sobre as declaracións do ministro sobre os tipos de contrato e o canon eólico galego e o posible aumento da factura da luz aquí .

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button