PolíticaÚltima hora

Pontón destaca o dinamismo dos gobernos locais de Verín, A Mezquita e Viana

Ao longo da xornada do 2 de decembro a portavoz nacional do BNG realiza unha visita á comarca de Monterrei

Ata os concellos ourensáns de Verín e A Mezquita se desprazaba na mañá do 2 de decembro a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada pola deputada ourensá Noa Presas. Alí reuníase cos grupos municipais que lideran o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, respectivamente, e coñeceu de primeira man as principais iniciativas desenvolvidas desde o Bloque neste dous municipios, dos que destacou “o dinamismo económico, social e cultural” que aportou a acción de goberno nacionalista.

“Verín, A Mezquita ou Viana do Bolo son exemplos de concellos nos que se percibe a chegada do BNG, que goberna con eficacia, solvencia e con transparencia, sempre a favor do conxunto da veciñanza”, salientou Pontón, quen puxo como exemplos dese dinamismo “as actuacións de apoio á economía local, que inclúe ás Pemes, comercio de proximidade e sector da hostalería, e tamén no intenso labor cultural que fai que un concello como Verín teña unha programación de ocio e cultura continuada e similar a doutros concellos de maior tamaño e orzamento”.

Son concellos nos que a man do BNG se percibe tamén no social, subliñou, “porque é clave darlle servizos de calidade á veciñanza destes municipios, que teñen os mesmos dereitos que os que viven nas cidades, e iso é algo que se percibe nas prioridades dos gobernos do Bloque nestes concellos”.

Pontón tamén se reunía nesta visita institucional coa asociación de empresarios de Verín (AEVER) coa que abordou a necesidade de dotarse de solo empresarial de calidade, apostando polo desenvolvemento do proxecto de Tamagos, así como mellorar os accesos ao actual parque empresarial de Pazos. Igualmente, mantivo un encontro Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM).

Outro dos aspectos desta visita da portavoz nacional foi o encontro coa militancia e simpatizantes de Monterrei cos que compartiu un xantar, onde salientou a “vitalidade” da organización nesta comarca coa incorporación de xente moza, o que tamén se plasma nos cargos de responsabilidade política.

Pontón tamén estará pola tarde na inauguración da segunda edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, no que se poderá ver traballos fílmicos de máis dunha vintena de países, “unha mostra do dinamismo cultural que aporta o BNG desde a súa responsabilidade de goberno, un evento que xa logrou colocar a Verín no mapa do audiovisual galego e internacional”, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button