En portadaÚltima hora

Por agora non hai data de reapertura para a estrada N-120, cortada entre Monforte e Velle

Así o dicía subdelegado do Goberno en Ourense na reunión que mantiña esta mañá co representante de APETAMCOR

 

O corte na estrada N-120 debido aos desprendementos, así como as obras de mellora previstas, centraban a reunión que o representante de APETAMCOR (Asociación Empresarial de Mercadorías por Estrada de Galicia), Alberto Vila, mantiña nesta mañá co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, tendo en conta que esta vía é a máis importante da provincia para o tráfico pesado, tras a A-52. Esta é ademais a principal vía de comunicación de Valdeorras coa capital da provincia.

O subdelegado sinalaba no encontro que por agora non é posible concretar unha data exacta de reapertura da N-120. Así mesmo, sinalou que é preciso priorizar a seguridade do tráfico e dos traballadores, ao ser necesario sanear os bloques inestables e soster coa seguridade adecuada a zona do talud afectado polos desprendementos.

 

Un dos momentos da reunión na Subdelegación do Goberno./ Foto cedida.

 

O subdelegado indicou que está en permanente contacto co Ministerio de Fomento e coa Unidade de Estradas do Estado en Ourense e que dende o día 8 de novembro, no que se produciron os desprendementos no PK 563+000 da marxe esquerda da N-120 sen causar danos a persoas nin vehículos, se está a traballar de forma continua na limpeza, saneo e estabilización do talud. Unha vez se consiga estabilizar, abrirase un carril habilitado con semáforos ao tráfico, mentres proseguen ao mesmo tempo as obras.

A decisión de cortar o tráfico no tramo da N-120 comprendida entre o PK 558+220 e o PK 564+600 adoptouse por seguridade, desviando os vehículos lixeiros pola N-120A (9 km cun recorrido adicional aproximado de sete minutos).

Para vehículos articulados a N-120 está cortada dende o P.K. 526+500 (Monforte de Lemos) ata o P.K. 564+600 (Velle), cun desvío a través da N-540 entre Ourense e Chantada e a vía autonómica CG 2.1 entre Chantada e Monforte (cun recorrido adicional de 23 km e 23 minutos).

Así mesmo, Emilio González afirmou que “se seguirá traballando para garantir a seguridade da N-120”, sinalando que o 14 de maio se aprobou un proxecto de rehabilitación do firme nos termos municipais de Rubiá, O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín, A Rúa e Larouco cunha inversión de 1,6 millóns de euros e que se atopan en redacción proxectos para a implantación de carrís de adiantamento na N-120 nos termos municipais de Ourense, Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín.

 

Artigos relacionados

Back to top button