EntrevistasÚltima hora

“Por coherencia e credibilidade votei non. Faríao unha e mil veces”

A ourensá Rocío de Frutos, a única deputada galega dos 15 parlamentarios socialistas que votaban “non” na sesión de investidura de Mariano Rajoy, vén de presentar alegacións ao procedemento disciplinario que lle abría o grupo parlamentario

 

A deputada por Ourense do PSOE, Rocío de Frutos, no Congreso.
A deputada por Ourense do PSOE, Rocío de Frutos, no Congreso.

Non se sente un “verso libre”, nin unha deputada “díscola”. A ourensá Rocío de Frutos asegura que o seu voto en contra no pleno de investidura de Mariano Rajoy, o pasado 29 de outubro, ten sido “unha decisión meditada e responsable, cústeme o que me custe”. Era a única galega dos 15 parlamentarios socialistas que dicían “non” nesa sesión, desobedecendo así a decisión do comité federal de absterse. “Nunca tiven dúbidas, sempre o tiven claro e sígoo tendo”, di Rocío de Frutos, se ben confesa que “chegado o momento de votar, si tiven un pouco de medo escénico”.

Días despois, Rocío de Frutos recibía, como os outros catorce deputados socialisas, a comunicación de que se lles abría un procedemento disciplinario. O día 7 de novembro presentaba alegacións ao mesmo, nas que xustificaba o seu voto en contra “por razóns de conciencia e dende unha concepción ética da política, tendo en conta que España atravesa unha etapa pragada de incumprimentos de promesas electorais e de casos de corrupción. O meu voto foi un exercicio de responsabilidade e coherencia”. Mentres agarda a resolución dese procedemento, continúa co seu labor parlamentario e conta que sente cada día o apoio da militancia, “que está contenta porque Ourense votase que non”.

O mes de outubro vén de marcar un antes e un despois para o PSOE, ¿como viviu a saída de Pedro Sánchez e o cambio de postura do seu partido no pleno de investidura de Mariano Rajoy?

A saída de Pedro Sánchez vivina con certo impacto, como toda a sociedade, pola urxencia e polas formas. E o cambio do non a Rajoy á abstención para que gobernase, pois con certa perplexidade e pena, porque non creo que a persoa que votou ao PSOE nos votase para que gobernase Mariano Rajoy. A partir de aí comezouse a debater dentro do grupo parlamentario sobre se abstención técnica si ou se abstención técnica non. E decidiuse que nos iamos abster todo o grupo, que no fondo o resultado era o mesmo, pero cambiaba dende un punto de vista de respecto aos deputados que querían votar non, e tendo en conta que cunha abstención técnica se lograba o mesmo resultado. A decisión da xestora pareceume un pouco prepotente, pouco integradora e pouco respectuosa cos deputados.

No seu caso decidíu votar non, ¿por que?
Porque creo que era necesario para o grupo parlamentario socialista. E, en segundo lugar, porque durante a campaña en Ourense prometímoslle á xente que o partido que recurtou as pensións, as liberdades fundamentais e que fixo pobres aos traballadores non podía gobernar. Entón, nese aspecto, non tiven ningunha dúbida. E penso que os que votamos en contra non estivemos equivocados porque ao saír do pleno de investidura a xente achegábase a felicitarnos, a fotografarse con nós e estaba contenta de que tivesemos votado non. Ademais nesa sesión Mariano Rajoy non amosou ningún tipo de humildade, nin ningún recoñecemento ao esforzo do PSOE, nin ningún recoñecemento de que ao mellor as súas políticas xeraron certa precariedade e pobreza, ningún asomo de perdón pola corrupción que asola ao seu partido… Verdadeiramente non se mereceu a abstención do partido socialista, sígoo pensando.

O argumento era evitar unhas terceiras eleccións…
Si, foi o que se dixo, pero, ¿que é mellor unhas terceiras eleccións ou un mal goberno? Nestes momentos temos en España pobreza infantil de forma impensable e insoportable para calquera goberno, hai familias que ás seis da tarde mandan aos nenos á cama agora no inverno porque non teñen para acender a calefacción, ¿vainos seguir gobernando ese goberno? Co meu voto non. Faríao unha e mil veces. A min ninguén me explicou cales eran os motivos dese cambio do non á abstención, de por qué de repente era necesario que Rajoy continuase gobernando. E agora, á hora de facer oposición, ¿que imos facer? Pedro Sánchez díxoo moi ben no seu día, ¿absterse para qué se non hai apoios para gobernar? Non sei qué vai pasar…

Na sesión de investidura foi a única deputada galega que votou en contra, aínda que no caso de Pilar Cancela mantívose a incógnita  ata o final, ¿tense sentido soa nalgún momento?
Pilar Cancela ten unha representación orgánica que eu non teño, é a presidenta da xestora (en Galicia) e iso tamén pesa. ¿Se me sentín soa? Non o sei, pode que si…, pero non me preocupa. Iso tampouco significa que esteamos enfrontados entre nós, de feito, Lola Galoval, outra compañeira socialista que se abstivo, regaloume un ramo de catro rosas que chegou ao meu despacho despois da sesión de investidura, e esta mañá chamoume outro compañeiro, Guillermo, para presentar unhas preguntas parlamentarias e asinar todos xuntos… Imaxino que cada un votou en conciencia. Houbo deputados que quixeron votar non e que se abstiveron, supoño que por cuestións orgánicas, cada un puido ter as súas razóns, eu respectoas todas, pero tamén entendo que deberían respectarnos aos que votamos que non, máis que nada porque hai 15 días todos os deputados defendían ese non. De súpeto todos temos que defender a abstención, ¿que tipo de decisión é esa? Ademais síntome moi apoiada pola militancia de Ourense, é máis creo que isto reconcilioume con ela, cando os militantes me ven pola rúa están contentos de que Ourense votase non.

¿Que cre que vai pasar a partires de agora, tendo en conta o expediente disciplinario que se lle abriu a vostede e ao resto de deputados que non se abstiveron?
Acabamos de presentar alegacións en base ao voto en conciencia e a que o mandato dun deputado, segundo a Constitución, é representativo e non imperativo, é dicir, que se debe dar conta aos cidadáns que nos votaron. Aquí en Ourense seguro que os que nos votaron non o fixeron para que gobernara o PP, diso estou convencidísima. Logo tamén se fala de que nos poderían retirar as portavocías… Unha sanción económica, bueno, pero que me retiraran a portavocía adxunta de emprego non me parecería nin coherente, nin operativo.

Dependendo do que se decida, ¿valorou a posibilidade de deixar o escano?
O escano non o vou deixar, nin eu nin o resto de compañeiros que votaron non. Outra cousa sería que nos expulsaran do grupo parlamentario, pero espero que o sangue non chegue ao río, pareceríame un funcionamento anómalo polo feito de votar non, cando foi o que lle prometimos aos cidadáns a aos nosos votantes, cando hai 15 días era a posición que se mantiña a capa e espada, ou sexa, eramos a alternativa ao goberno do PP. E, ademais, porque había outras solucións: a abstención técnica que tería permitido certa liberdade de voto e tería sido máis respectuosa cos deputados que conforman o grupo parlamentario socialista.

A pesar de todo isto, mantén a actividade parlamentaria normal…
Si, estou facendo proposicións non de lei, reunións e imaxino que na vindeira semana comezarán as comisións. No que depende de min sigo coa actividade normal, co traballo de listas de distribución de alcaldes e portavoces para mandarlles información…

¿Como cre que vai enfocar o PSOE como partido a súa situación a partir deste momento?
Eramos a alternativa da esquerda e agora teremos que replantexarnos. É importante que se convoque canto antes o congreso, non sei a qué están esperando. A xestora é un órgano de dirección transitorio e o seu mandato xa ten que estar chegando ao seu fin. Tal e como está a situación penso que o que hai que facer é recompoñer o partido e a ver qué pasa. Estou contenta de ter votado non, e votaríao cantas veces fixese falta porque ademais sigo pensando que somos alternativa.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close