ColaboraciónsEconomíaEconomíaOpiniónÚltima hora

Por un rural vivo

Unha análise da situación actual do rural galego, das súas debilidades e fortalezas da man de Felipe Castro
Agro e souto de Parada dos Montes.

Nestes días o rural está de moda, todo “o mundo” acórdase do rural e achégase a el, destacando as súas bondades, lamentando o seu progresivo esnaquizamento e vislumbrando todo tipo de medidas para que rexurda das súas cinzas. Isto non deixa de ser curioso, xa que cada catro anos acontece algo semellante, a pesar de nunca acabar de se arranxar o problema e sen saber cales poden ser as causas. Probablemente todas e todos teñamos algo que ver en que isto aconteza deste xeito: políticos, administracións, intereses espurios e a sociedade mesma.

En todo caso, eu voume cinguir a falar desa parte de responsabilidade que nos corresponde a nós, aos que formamos parte desa sociedade rural, procurando analizar os diferentes aspectos, as fortalezas e debilidades que achegamos a sociedade e o territorio.

Debo comezar dicindo que, como é lóxico e necesario, todos temos e damos a nosa opinión sobre o rural e, esta, pode ser positiva ou negativa, argumentada ou banal e realista ou idealizada. Temos que recoñecer que a opinión adoita ser negativa en canto a que, en certa medida, o menospreciamos; adoita tamén ser banal en canto a que non razoamos ese parecer; e, por último, adoita ser idealizada xa que non analizamos todas as cuestións que lle afectan e só nos fixamos en determinados sentimentos ou opinións sesgadas, faltas de rigor ou malintencionadas.

 

 

Pero sexa cal sexa a opinión que teñamos do rural, o noso empeño deberíamos dirixilo a averiguar se o podemos mellorar e revitalizar e, para mellorar algo, precisamos coñecer a realidade que lle afecta, as súas debilidades e as súas fortalezas, entendendo como debilidades aqueles aspectos que impiden ou dificultan o desenvolvemento axeitado das cousas e como fortalezas aqueles que supoñen unha vantaxe. Neste senso temos que ser capaces de analizar rigurosamente a situación e de asumir a realidade, tanto no contexto social coma no económico, cultural e ambiental.

Deste xeito, no contexto social, podemos destacar como debilidades: a moi baixa densidade poboacional e o progresivo envellecemento da poboación; a baixa estima e falta de crenza no territorio, nos recursos e nas posibilidades de desenvolvemento; a perda da sabiduría popular e da tradición cultural; e as carencias que temos en servizos e infraestruturas sociais e distanciamento dos mesmos. Por outra parte, podemos destacar como fortalezas: o ambiente tranquilo e saudable que nos rodea; a dispoñibilidade de múltiples recursos para poder aproveitar; unha cultura arraigada; e prezos de adquisición ou aluguer moderados ou asequibles.

 

Gando en Sampil.

 

No contexto económico, podemos destacar como debilidades: o gran abandono e transformación da estrutura agraria, que dificulta o desenvolvemento das actividades; o importante nivel de desemprego; as carencias nas infraestruturas que dificultan a implantación de novas iniciativas produtivas ou empresariais; a excesiva dependencia das subvencións e moi condicionados pola PAC; a baixa produtividade e baixos salarios; e as carencias na cualificación profesional para adaptala aos novos tempos. En troques, como fortalezas, podemos destacar: a disposición dun amplo abano de recursos endóxenos; a posibilidade de valorizar os ditos recursos e de comercializar uns produtos con etiquetas de calidade; e o auxe do turismo rural en todos os seus conceptos e subsectores.

No contexto cultural, podemos destacar como debilidades: a profunda transformación da estrutura territorial; o abandono das actividades tradicionais; o deterioro ou desaparición dos vestixios culturais; a exposición destes bens a múltiples ameazas; e o limitado coñecemento e reducido interese polo patrimonio cultural. Mentres que podemos destacar como fortalezas: a existencia de múltiples vestixios das diferentes culturas que habitaron o territorio e que conforman un basto patrimonio material e inmaterial; e que, moitos destes bens, son susceptibles da súa declaración de protección cultural (BIC, Patrimonio da Humanidade…) e do seu aproveitamento para o uso social e turístico.

Por último, no contexto ambiental, podemos destacar como debilidades: o abandono das actividades tradicionais que transforma a paisaxe e dificulta o desenvolvemento de algúns recursos naturais; a alteración e desorde do territorio que causa efectos negativos sobre a vocacionalidade agraria das terras e a exposición do dito territorio a diversas ameazas (empobrecemento, incendios forestais…). Mentres que as fortalezas destacables son: a existencia de importantes contrastes en termos de relevo e clima, que propician unha grande riqueza paisaxística e unha abundante deversidade biolóxica e xeolóxica; a presenza de espazos naturais protexidos; e que, moitos destes elementos, conforman un importante patrimonio natural e constitúen tamén recursos de grande interese social, económico, cultural e turístico.

 

Unha vez analizados todos os aspectos que inflúen negativa ou positivamente no posible desenvolvemento e revitalización do rural, quero achegar aquelas medidas que, neste contexto, sería desexable implementar para que as debilidades non se transformen en ameazas e para que as fortalezas si se convirtan en oportunidades.

Así, no contexto social, temos que ser capaces de achegarlle á poboación: unha boa calidade de vida baseada nun abiente tranquilo, acolledor e saudable; un contorno agradable e culturalmente representativo; uns servizos básicos próximos e de calidade (educación, sanidade, igualdade, asistencia…); unhas infraestruturas sociais adaptadas ás necesidades e acordes ao contorno; e desenvolver actividades de dinamización para todas as idades, especialmente aquelas que poñan en valor o noso contorno, as nosas tradicións e cultura.

No contexto económico, debemos mellorar as condicións estruturais a través de: unha ordenación do territorio acorde á vocación das terras e á protección dos recursos e da poboación: fomentar un desenvolvemento económico baseado na sustentabilidade e na multifuncionalidade dos recursos; crear as infraestruturas necesarias que permitan un aproveitamento e comercialización profesional e adaptado aos novos tempos; e mellorar a situación profesional e laboral da poboación activa. Por outro lado, debemos facer un bo aproveitamento dos recursos: determinando todos os posibles e de interese; valorizar os produtos na maior medida posible e mellorar a súa produtividade; e establecer as mellores canles de comercialización, de maneira que a maior rendibilidade recaía sobre os produtores, que son os que máis traballan e os que máis arriscan.

 

Muíño de Barxa.

 

No contexto cultural, temos que coñecer, protexer e divulgar o noso patrimonio a través de: inventariar e catalogar os recursos patrimoniais; establecer medidas reais de protección para evitar o seu deterioro e desaparición; poñer en valor aqueles bens de maior interese e máis representativos; e desenvolver programas de divulgación e visita e deseñar, en base a eles, roteiros e centros de interpretación en vivo.

Finalmente, no contexto ambiental, debemos salvagardar e valorizar o noso espazo natural a través de: fomentar as paisaxes e os hábitats representativos do noso territorio, velar por unha riqueza biolóxica e xeomorfolóxica diversa e diferenciadora; divulgar os recursos e valores ambientais; inculcar na sociedade hábitos respectuosos co ambiente e cos recursos naturais; e promover, entre a proboación, actividades que se desenvolvan ao aire libre e que os achegue aos recursos e aos valores naturais.

Sei que todo isto non é doado pero, en boa medida, está nas nosas mans. Para comezar debemos crer máis en nós mesmos, nos nosos recursos, na nosa cultura e nas nosas posibilidades de desenvolvelos.

 

Texto e fotos: Felipe Castro López.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close