Portal web galego para universitarios

Booksandparty.com, unha iniactiva única en Galicia promovida por dous xóvenes emprendedores
Javier Ramón e o barquense David Rguez., promotores de Books&Party. Abaixo imaxe deste portal web.

Javier Ramón e o barquense David Rguez., promotores de Books&Party. Abaixo imaxe deste portal web.

Facilitar o día a día dos universitarios galegos tanto no aspecto académico como no de ocio. Con esta pretensión nacía en abril do 2014 www.booksandparty.com, un portal promovido por Javier Ramón e polo barquense David Rodríguez Pérez. É unha combinación entre unha comunidade e unha rede social para universitarios e os seus contidos integran estudo e diversión. “A empresa Books&Party creábase en xaneiro do ano pasado e logo puxemos a funcionar unha plataforma web orientada á comunidade universitaria: preuniversitarios, universitarios, postuniversitarios e empresas vencelladas a este ámbito”, explica David Rodríguez.

A través deste portal os estudantes poden consultar e compartir, a diario, información práctica na facultade como apuntes, consellos sobre asignaturas, becas, anuncios… Tamén inclúe un Magazine online, que aborda cuestións de actualidade no ámbito universitario, e promove concursos. “A principios deste curso sorteamos unha axuda de 500 euros para o pago da matrícula dun universitario galego. Este concurso de #GanaMatricula repetirémolo todos os anos a comezo de curso coa idea de conseguir patrocinadores para que os premios poidan ser mellores. Nuns meses tamén sortaremos unha viaxe a Malta e máis cousas que vaian xurdindo”, adiantan.

Pero o proxecto empresarial de Books&Party vai máis aló. Aposta por dúas iniciativas que están en desenvolvemento e que consideran “as nosas seccións estrela”. Unha delas é un programa de emprego (que están a impulsar coa Fundación Ronsel), con prácticas para estudantes e traballos a media xornada que poidan compatibilizar coas clases. Tamén pretenden facilitar a incorporación ao mercado laboral dos estudantes do último curso e recén titulados (en colaboración coas universidades galegas) e fomentar o emprendemento. “Dende setembro os universitarios xa poden subir os seus currículos. Temos recibido máis de cen. Por agora imos ofrecer prácticas en Santiago e prácticas e traballo part-time na Coruña, pero o obxectivo é estender isto a toda Galicia e tamén con ofertas para graduados”, adianta David Rodríguez.

Ademais están a ultimar un programa de descontos en empresas para os usuarios da súa web mediante un innovador sistema de promoción cooperativo co lema se llo contas aos teus amigos, o desconto medrará. “Desta forma estimularemos o tecido empresarial galego, en especial aos pequenos negocios cun público obxectivo xove similar ao noso”. Para intentar financiar este programa veñen de pór en marcha unha campaña de crowfounding ou micromecenazgo. As persoas interesadas en colaborar poden entrar a partir do 9 de marzo en
http://www.lanzanos.com/proyectos/programa-universitario-de-descuentos/ e facer a súa aportación.

Malia que Books&Party apenas ten un ano de vida, os seus impulsores están satisfeitos co resultado. “Contamos con máis de 500 usuarios rexistrados e unha media de 4.000-5.000 visitas mensuais e aínda non puxemos en marcha o que consideramos a parte máis importante do proxecto”.

É a única plataforma deste tipo que existe en Galicia. Asemade, tanto o programa de emprego como o de descontos, “son os nosos sinais de identidade e a nosa marca diferencial”, destacan.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies